segunda-feira, janeiro 15, 2007

Cara unha nova revolución mexicana?


TRALAS REBELIONS DE 1810 E 1910, ESPÉRASE QUE 2010 RESERVE SORPRESAS A UN PAÍS CADA VEZ MÁIS AXITADO



Eduardo Pérez / Redacción


DIAGONAL conversa con varios adherentes a La Otra Campaña sobre a situación presente e futura de México e as perspectivas que ten o movemento anticapitalista impulsado polos zapatistas.


En 1810, Miguel Hidalgo comezou a Guerra de Independencia. En 1910, Francisco I. Madero chamou á insurrección que deu orixe á Revolución Mexicana. Un século máis tarde, no mesmo país, está estendido o pensamento de que os últimos acontecementos son o prólogo de algo moito máis grande. Algunhas persoas van máis aló e recorren á lóxica matemática: 1810, 1910... pasará algo parecido dentro de tres anos? “Os eventos tamén parecesen seguir un patrón determinado.


A Revolución Mexicana iníciase co descontento obreiro, principalmente mineiro, así como por problemáticas relacionadas co campo. O mesmo pasa agora: Sicartsa [empresa de Michoacán onde en abril pasado a policía matou a dúas mineiros en folga] e Pasta de Conchos [mina de Coahuila con escasas medidas de seguridade na que morreron 65 mineiros en febreiro] foron sucesos nos que estiveron involucrados obreiros relacionados coa minería, e o conflicto en Atenco foi precisamente por cuestións agrarias. Tal vez 2010 garde algún evento histórico, aínda que ben podería suceder antes”, razoa Yadira Hidalgo, membro do equipo de información alternativa Zapateando, de Xalapa. Máis contundente é Carlos Aguirre, director da revista Contrahistorias: “Camiñamos cara a unha nova revolución mexicana, sen ningunha dúbida”.


Se botamos unha ollada á historia, este panorama vertixinoso resulta estraño. A diferenza dos inestables países de Centro e Sudamérica, México viviu a maior parte do século XX sen guerras internas, golpes de Estado ou focos guerrilleiros importantes. Hoxe, á xa consolidada autonomía zapatista na terra maya do sur sumouse outro feito insólito: en Oaxaca, a poboación mantivo a cidade baixo o seu control durante meses.


Todos os activistas consultados rexeitan esa suposta “estabilidade histórica” e coinciden en sinalar ao movemento estudiantil de 1968 como a orixe dos movementos posteriores. Javier Sigüenza, membro da Cooperativa de Trabajo Hormiga, do Distrito Federal, comenta: “Non é que non houbese antes en México esa situación de excepción característica dos movementos latinoamericanos, senón que todo o movemento social dos 60 e 70 é contido a sangue e lume. Nese sentido, a estabilidade institucional que aparentaba o Estado era máis ben unha estabilidade simulada, imposta por un Goberno autoritario, represor e asasino. En consecuencia, México non se está latinoamericanizando, senón que sempre tivo a mesma situación de miseria e inxustiza que todos os países de América Latina. O que o fai diferente é que logo de máis de 70 anos da dictadura dun partido, o réxime está terriblemente desgastado e a situación é cada vez máis difícil de conteñer”.


Aínda que o monopolio do Partido Revolucionario Institucional (PRI) acabou en 2000, o seu recambio, o Partido de Acción Nacional (PAN) con Vicente Fox á cabeza, foi só unha “válvula de escape” que en 2006 cumpriu “un dos sexenios máis desastrosos na historia de México”, afirma Sigüenza. Rodeado de denuncias de fraude, en decembro o PAN renovou o seu poder a través de Felipe Calderón, quen “moi probablemente non terminará o seu período de goberno”, augura Aguirre. Hidalgo sinala que a ingobernabilidade chegará “ata onde a leve o Estado”. “A xente está cansada e hai quen pensan que un cambio radical é mellor que deixar as cousas como están”, engade.

O papel de La Otra

Neste contexto o Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) lanza a súa Sexta Declaración de la Selva Lacandona, na que os insurxentes pasan do seu énfases nos dereitos e autonomía indíxena a unha aposta decidida por coordinar as loitas anticapitalistas e non electorais en todo México. A iniciativa, denominada “La Otra Campaña” en contraposición á campaña electoral que entón se levaba a cabo, pasou xa a súa primeira fase, na que a Comisión Sexta co Subcomandante Marcos á fronte percorreu todo México para escoitar as voces de todos os que loitan. Neste momento, La Otra Campaña vive unha fase de definición que levará nuns meses á conformación do Programa Nacional de Loita. Ata o momento, a valoración é boa.


Sigüenza considera que “falar e escoitar é o principio básico para empezar a actuar”, aínda que matiza que a represión en Atenco e Oaxaca fai necesario redefinir os obxectivos a curto prazo e unir forzas xunto ao movemento anti fraude e o oaxaqueño. Aguirre móstrase optimista: “La Otra Campaña ten xa presencia en todo o país, e tende a crecer e a consolidarse”. Fronte ao previsible estoupido mexicano, que pode aportar ese novo movemento? O director de Contrahistorias explica: “A pregunta que suscita La Otra Campaña é se repetiremos 1910 no sentido de facer unha revolución violenta, caótica e cun enorme custo en destrucción material e de vidas humanas, ou se seremos capaces de levar a cabo esta revolución dun xeito pacífico, civil e racional”.


Desde a Comisión Sexta avisan sobre “unha certeza: en pouco tempo vaise a levantar outro vento: o mellor, o máis digno, o máis honesto e consecuente que se levantou neste país. E o que vai pasar non ten precedentes na nosa historia nin na historia mundial”. Para comprobar se é certo haberá que esperar a que o reloxo marque a hora de México.



”O PRD, A OPCIÓN DA “GOBERNABILIDADE”


O auxe dos movementos sociais en América Latina tivo como un dos seus resultados o acceso de partidos políticos non tradicionais aos postos de goberno. Aínda que isto provocou cambios de maior ou menor alcance, non se substituíu o modelo político parlamentario nin o modelo económico capitalista.


En México, o partido ao que mellor lle viría ese papel é o Partido da Revolución Democrática (PRD), cuxa cantidade de votos subiu moitísimo nos últimos anos, tanto que non está abofé se foi el o verdadeiro gañador das eleccións de 2006, pois o reconto entre acusacións de fraude deixouno moi preto do PAN. Actualmente predominan na dirección do partido antigos altos cadros do PRI, algún dos cales ata está acusado de asasinar “perredistas” antes de cambiar de chaqueta. O PRD fai fincapé na defensa dos “pobres”, pero “non afectaría aos empresarios”, aos que durante a campaña o seu candidato Andrés Manuel López Obrador ofrecía sen cesar a “gobernabilidade do país”. Desde a esquerda criticáronselle principalmente as súas escasas diferenzas con PRI e PAN cando chegan a algún goberno, así como a súa colaboración con esas forzas á hora de aprobar medidas polémicas. O partido tamén perdeu credibilidade polos seus escándalos de corrupción. O máis coñecido foi o dos “videoescándalos”, en 2004. Tratábase de diversos vídeos nos que aparecían recibindo subornos ou apostando en casinos varios altos varios funcionarios do Goberno da capital, dirixido por López Obrador. Malia todo, o partido creceu grazas á decadencia dos seus rivais e do tirón do seu candidato, polo que podería chegar ao poder no futuro.


Aguirre analiza ese posible escenario: Non é imposible pensar que, nunha situación de crise total, cando renuncie ou sexa “corrido” do poder Felipe Calderón, o PRD puidese chegar de forma efémera... pero só para repetir a decepción de Lula e Morales agora no caso de México... e propiciar un xiro máis á esquerda”. Hidalgo e Sigüenza tamén se mostran escépticos. O segundo engade que, se alcanzan o poder, “intentarán controlar á esquerda”.

http://www.diagonalperiodico.net/article2820.html

Sem comentários: