sexta-feira, janeiro 26, 2007

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO PARLAMENTO DE GALICIA SOBRE O DÍA DE CONMEMORACIÓN ANUAL EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

O 1º de novembro de 2005, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas, na súa 42ª Sesión Plenaria, reafirman que o Holocausto, que tivo como resultado que un terzo do pobo xudeu e innumerables membros de outras minorías morreron asasinados, será sempre unha advertencia para todo o mundo dos perigos do odio, o fanatismo, o racismo e os prexuízos. E tamén decidiu designar o 27 de xaneiro como Día Internacional de Conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto. Todas elas vítimas do nazismo entre as que se contan tamén galegos e galegas.

A Asemblea xeral rexeitou, e este Parlamento faino seu, toda negación, xa sexa parcial ou total, do Holocausto como feito histórico. E condenou sen reservas, condena que tamén este Parlamento fai súa, todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar.


O Parlamento de Galicia constaba, coa Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixina actos de barbarie ultraxantes para a conciencia humana.


O Parlamento de Galicia, en fin, de acordo coa letra e o espírito da Declaración de 1º de novembro de 2005 da 42ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas, chama ao Goberno da Xunta a traballar arreo contra os posibles brotes de racismo, xenofobia e discriminacións, baseados na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, e aos cidadáns e as súas organizacións a permanecer vixiantes para que nunca máis un réxime como o que produciu o Holocausto poida asentarse entre nos, e en ningún lugar do mundo.


Santiago de Compostela, 26 de Xaneiro de 2007

Sem comentários: