sábado, janeiro 13, 2007

No cerne de Euskadi


Un artigo de: Camilo Nogueira
[12/01/2007]


A violencia de ETA é moralmente rexeitábel e políticamente absurda. Non se pode identificar un simples terrorismo asesino de persoas indefensas coa luita armada dun povo pola súa liberación nacional até tomar o poder, cousa esta ademais imposíbel nas circunstancias europeas.


Sendo isto así, tamén é certo que o desprezo ou a negación do problema nacional de Euskadi non axuda nada a acabar cunha violencia que afecta directamente a muitas persoas e familias e eiva gravemente a convivencia en Euskadi e no conxunto do Estado español.


Todo será extremadamente difícil entanto que non se recoñeza o problema político existente, procurando un compromiso que o resolva. O fracaso do proceso de paz propiciado polo Governo presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, ademais de ser o resultado dos delirios culpábeis de ETA, éo dos desacordos existentes nas instituicións do Estado, nas forzas políticas, nos criadores de opinión e na mesma sociedade, maleducada no uniformismo españolista e malguiada sobre como tratar a cuestión nacional de Euskadi e como tratar coas forzas políticas que protagonizan hoxe a vontade política dese país.


Afecta isto a PSOE e PP. Están de acordo no rexeitamento da violencia de ETA. Se só se tratase diso resultaría doado poñelos de novo de acordo sobre unha estratexia conxunta para combater a esta organización. Mais (sen considerar aquí as diferentes estratexias eleitorais que distorsionan todo e explican como é sabido muitos comportamentos), ningún dos dous partidos conta cunha visión de Estado que permita resolver o problema nacional de Euskadi dentro dun Estado plurinacional. O PP porque rechaza toda posición que poña en causa a rancia idea da nación única e do poder estatal absoluto, (por muito que esta idea sexa contradecida a respeito da Unión Europea). O PSOE porque entre as diferentes visións políticas existentes domina no seu seo unha liña xacobina, no sentido da centralización do poder e da identificación ideolóxica do centralismo coa función redistributiva do Estado, sen que nen esa tendencia nen as que recoñecen a diversidade nacional do Estado, posan imporse indiscutibelmente.


Resulta difícil empreender un proceso de diálogo para resolver o problema de Euskadi sen o acordo do PP. Mais o problema non está só no PP, senón tamén en poderes políticos, civís e mediáticos do Estado e particularmente, pola súa transcendencia, no PSOE.


Non parece que o presidente do Governo estatal, José Luís Rodríguez Zapatero, teña unha visión do Estado válida para resolver o problema de Euskadi mediante un compromiso político coas forzas políticas vascas. O que é certo en todo o caso e que se ten esa visión non pudo expresala. Non encontraría o apoio necesario nen no PSOE polas súas diverxencias internas, nen no PP, nen nos demais poderes do Estado.


Esta realidade maniféstase cruamente na cuestión crucial das relacións das forzas políticas españolas coa vascas. O afán por derrotar ao nacionalismo vasco en lugar de recoñecelo na forza lexítima que teña convertiuse en desprezo en múltiples ocasións: contra a solución proposta polo PNV, xunto con EA e EB, no Estatuto de Euskadi, o que coñecimos como Plano Ibarretxe; na terxiversación dos resultados posteriores das eleicións na Comunidade Autónoma, dando por derrotado o Estatuto de nación cando perto do 60% da povoación votara a favor del ou por solucións máis radicais; na procura sistemática de enfrentamentos internos no PNV que se manifesta hoxe na obsesiva pretensión porque Josu Jon Imaz se constitua no contricante de Ibarretxe. Este afán, que pertece tamén ao PP mais que define especialmente a posición do PSOE, evidenciouse irresponsabelmente en marzo de 2006, cando ETA anunciou o alto o fogo: os dirixentes do PSOE de Euskadi, o PSE, pretenderon manifestamente arrecantar, deixar a un lado, mesmo ninguneando o Lehendakari Ibarretxe, presumindo das xestións realizadas con Herri Batasuna e inclusivamente acariñando, coa complicidade desta organización nacionalista, a idea dunha alternativa política futura entre os dous partidos frente ao PNV.


A culpa do atentado de Madrid, e de todos os atentados terroristas que leve a cabo, é de ETA. Mais nada se arranxa sen recoñecer que o problema de Euskadi non se resolve só coa derrota policial de ETA. Que non se pode enxergar unha solución que non conte con unha visión capaz de integrar a cuestión nacional vasca nun Estado plurinacional e no marco da Europa sen fronteiras que a pesar de todo se construi.


Nesta oportunidade, para acabar coa violencia faltou aquelas visión política. Se Zapatero a ten, non pudo expresala. Non só pola oposición xa coñecida do PP, senón pola existente dentro do seu proprio partido, e noutros poderes do Estado. Pode ter razón o presidente do Governo do Estado ao dicer que para acabar coa violencia é preciso recorrer un camiño longo, duro e difícil. Mais, para alén da violencia, que non axuda senón que obstaculiza a expresión das aspiracións nacionais vascas, a cuestión nacional de Euskadi non se resolverá sen un acordo político histórico. Sen un compromiso coas forzas políticas e sociais vascas, especialmente co PNV, a organización que está no cerne da vontade política daquela nación.


Estes días o PNV, os seus dirixentes, os partidos como EA e EB, e o Lehendakari Ibarretxe aparecen de novo, posibelmente máis que nunca, como os actores principais, serios e fiábeis para unha solución entre todos. Esperemos que non sexa tarde.



Sem comentários: