segunda-feira, janeiro 15, 2007

O Capital non ten corazón, e ás veces, nin iso.




O Trasno



Revista Irimia Nº734


[15/01/2007 09:53] O informe de fiscalización do Consello de Contas de Galicia para o exercicio de 1996, analiza un convenio programa asinado con Pescanova o 7 de decembro de 1995, que contemplaba a subvención dos tipos de interese dun préstamo, avalado polo IGAPE, de 8.000 millóns de pesetas. Falamos dunha subsidiación de catro puntos porcentuais, que supuxo de feito un desembolso de diñeiro público galego de 240 millóns, só en 1996.


O informe de fiscalización reza tal que así:


"En ningunha das operacións (financiadas) aparece a xustificación do destino do préstamo solicitado por Pescanova S.A. que avala e subsidia o IGAPE, coa conseguinte imposibilidade de determinar se existiu cumprimento da finalidade da axuda"


É dicir, que cando Pescanova estaba en apuros, o goberno e os contribuíntes galegos lle deron, rozando a ilegalidade e algo máis, un balón de osíxeno con carta branca, para o que ti queiras filliña.


A Pescanova non lle gusta o goberno bipartito. Pescanova vai por todo o mundo –por todo o terceiro mundo, para sermos exactos- de "especial". Non lle vale o ser coma os demais, o ter que cumprir as mesmas estúpidas normas de protección ambiental, de responsabilidade social da empresa ou de carácter laboral. O seu estilo é o vis à vis, sen luz nin taquígrafos, co presidente, sexa quen sexa. E se non entras no xogo entón cabréanse, chantaxean e marchan.


Touriñán ou nada. Foi a última rabecha.


E como non hai memoria nin responsablidades contraídas, aquí ninguén se lembra dos préstamos subsidiados, das subvencións e axudas públicas. E se alguén se lembra, aí están os informes do Consello de Contas: Fraga subvencionou á nena bonita con carácter incondicionado, suponse que para que non se cabreara.


A democracia liberal éche a cadratura do círculo.


Daniel López Muñoz



Sem comentários: