segunda-feira, janeiro 22, 2007

O Parroco


GALIZA SOSEGO (22/01/07)


Nalgunhas freguesías, o párroco convertese no señor feudal que propón e dispón todo ao seu libre entender. O sistema profesional que a igrexa católica ten establecido, permite, que nalgúns casos se cometan verdadeiros atropelos anticristiáns dende a base mesmo. Sempre se escoita que a curia, os cardeais, ou mesmo os bispos non permiten un verdadeiro crecemento da igrexa de base, isto é certo, mais tamén é certo que dende a base, as veces, e imposible sequera participar.

Nunha freguesía urbana da Galiza de 50.000 persoas, unicamente participan no grado mais baixo de participación (a asistencia con certa regularidade aos oficios relixiosos) o tres por cento, isto é 1500 persoas. Polo tanto, desas 48.500 persoas restantes, algunhas asisten algunha vez algún tipo de oficio de caracter social, (funerais, cabodano, vodas, comuñóns, etc...) e outro grupo, creo eu moito mais numeroso, nin quere saber, nin participar, nin escoitar simplemente falar das actividades da Igrexa.

Desas 1500 persoas que teñen algún nivel de participación, nesa freguesía de 50.000 unicamente 250 persoas (sendo xeneroso), teñen unha implicación en certo grado maior (catequistas, nenos que participan na catequese, coro, adultos que pertencen a distintos grupos, etc..). Este dato, déixanos que a participación activa na freguesía, redúcese a un triste 0.5%.

Con todo, as idades de asistencia, e participación son tamén moi significativas. So participan nenos e vellos. Os nenos que os seus pais queren facer a primeira comuñón, e parece ser que o pan que reparten non debe ter bo sabor, pois unha vez que comulgan por primeira vez, xa non se xes ve o pelo mais pola freguesía, esvaécense... Os vellos que asisten con moitísimo regularidade aos oficios e participan na maioría de grupos dentro da freguesía, son o grupo mais activo.

Mais, que pasa cos mozos e a xente de mediana idade? Porque nas parroquias urbanas de Galiza non se lles quere? Porque o párroco centrase só nos oficios e descoida o oficio?

Se algún suicida con inquietudes relixiosas presentase nunha freguesía para participar, e para poder facer algo novo, páranselle os pes, e procurase crear ao redor del unha atmosfera o suficientemente pesada coma para que desista e marche.

Existen freguesías no que sucede todo o contrario, e é ai onde rematan exiliados tódolos que queren dar saída as súas inquietudes relixiosas. Normalmente isto ocorre en parroquias onde o párroco non pertence a ningunha orde ou prelatura.

Logo, todo son lamentos, sobre a falta de compromiso da sociedade coa igrexa. Cando realmente e a igrexa dende a Curia e as veces dende a mesma base a que non se quere comprometer coa sociedade.

GALIZA SOSEGO

Sem comentários: