quinta-feira, janeiro 18, 2007

PROPOSTAS BERCIANISTAS PARA O 2007



O bercianismo político debe reforzar o seu activismo reivindicativo de cara a afrontar a cita electoral de maio de 2007. Neste sentido o Partido do Bierzo ten a oportunidade de defender o recoñecemento institucional da nosa rexión durante a tramitación parlamentaria de dúas leis, a saber, a de Directrices esenciais de Ordenación Territorial de Castilla y León, ante as Cortes rexionais, e o proxecto de Lei orgánica de reforma do Estatuto de Autonomía de Castilla y León, nas Cortes Xerais. No que se refire a esta última, haberá que traballar á hora de informar cumpridamente aos distintos partidos presentes no Congreso e no Senado para alcanzar o seu apoio político favorable aos intereses bercianos. Que non nos fixeron caso nas Cortes de Castilla y León, á hora dun maior recoñecemento institucional do Bierzo no devandito Estatuto de Autonomía, non quere dicir que non podamos conseguilo esta vez en Madrid.


O PB debe reformar a súa "área informativa" en relación cos medios de comunicación, para informar non só aos mass media do Bierzo e León, senón tamén de Galiza e Castilla, co envío dos comunicados de prensa. A web do partido (www.partidodelbierzo.com) debería incluír un foro e unha nova "sección de campañas reivindicativas", a cal serviría para mobilizar á militancia na protesta ante problemáticas que esixisen a acción directa e inmediata. A web debe servir para dar a coñecer os futuros candidatos bercianistas, os cales poderían desde xa ir expoñendo publicamente as súas ideas mediante colaboracións escritas. Tamén é de desexar que a web comece a incluír textos en idioma galego, como medio para normalizar o uso público e político desta lingua berciana.


A precampaña electoral debería contar coa celebración de "Xornadas bercianistas" mensuais, de carácter público, que poderían ser aproveitadas para o debate aberto e a elaboración do programa electoral. Xornadas dedicadas á autonomía política, cultural, ordenación territorial interna, economía e desenvolvemento sostible, etcétera. Estes actos poderían contar coa presenza de membros partidos afines (Terra Comunera, BNG...). Outra proposta relacionada coa precampaña é a realización de buzoneos informativos por barrios de Ponferrada, vilas e pobos con interese electoral para o PB.


A nivel organizativo hai que integrar á militancia en áreas de traballo (mocidade, cultura, deporte, etc) para que faga as súas propostas ao futuro programa electoral. Tamén se debería valorar a creación do "área de emigración", coa pretensión de ingresar aos bercianistas emigrantes nunha coordinadora que agrupase aos distintos grupos territoriais do Estado, grupos que deberían contar cos seus propios representantes locais. Outra proposta refírese ao reforzamento das Mocidades do partido, que debe incentivarse con formulacións atractivas e coa fixación de contactos con organizacións afines (Galiza Nova, Mocidades castelás...). As eleccións tamén esixirían a celebración dunha Xornada interna sobre formación de dirixentes (presenza física, capacidade verbal, comportamento público, ética bercianista, ideario político e demais); así como a potenciación do "área de propaganda", mediante a venda de simboloxía bercianista (bandeiras, autocolantes, etc), capaz de reforzar a nosa identidade colectiva e animar máis o voto bercianista.

Ponferrada, xaneiro 2007

http://obierzoceibe.blogspot.com


Sem comentários: