quarta-feira, janeiro 17, 2007

A reunión de Monte Pío

Un artigo de: Camilo Nogueira
[16/01/2007]

A Constituición de 1978 recoñeceu expresamente o feito dos Estatutos de Autonomía de Cataluña, Euskadi e Galiza da II República. Entanto que as demais CCAA puderon non nacer, ficando as provincias en relación directa co poder central do Estado, ou contar con unha composición provincial diferente, os Estatutos republicanos constituiron o fundamento institucional utilizado para o seu recoñecimento como nacionalidades e tamén para o acceso directo das tres nacións á condición de Comunidades Autónomas.

Nacidos dos movimentos nacionalistas catalán, vasco e galego que os propiciaron, xunto coas forzas políticas republicanas e da esquerda, os Estatutos republicanos, constituen a explicación última da existencia do Estado das autonomías, da formación de instituicións como os Governos e os Parlamentos autonómicos e das competencias que exercen.


Despois dun cuarto de século, condicionado o exercicio do autogoverno pola acción restritiva dos poderes do Estado, non tiña porque surpreender que aparecese unha aspiración máis ou menos xeneralizada de mellora dos Estatutos.


Como noutros momentos, esa aspiración comezou nas nacións periféricas, sendo impulsada polos Governos de Cataluña e Euskadi, as forzas políticas da Declaración de Barcelona, entre elas o BNG, e outras forzas políicas nacionalistas de esquerda. Constituiu en especial unha resposta á obstinación do Governo estatal presidido por José María Aznar e do Partido Popular, teimando na recentralización e recastelanización do sistema político e da ideoloxía estatal, cerrando a Constituición coa chave da rancia idea de España como nación única e excluinte.Nese contexto, as forzas políticas nacionalistas non reivindicaron simplesmente unha mellora das competencias. Despois de fundamentaren o Estado das autonomías, consideraron xa necesario contar con Estatutos de nación no horizonte dun Estado plurinacional.


O Estatuto de Euskadi, rexeitado polo Congreso despois de ser apoiado pola maioría do Parlamento vasco e en espera dunha circunstancia favorábel para ser apresentado de novo e non precisamente rebaixado, e o Estatut catalán, que recoñece a vontade de Cataluña como nación, apesar da deceición sofrida polo tratamento recebido nas Cortes, responden a esa dinámica. Outras iniciativas habidas, en Valencia, Andalucia, Illas Baleares, ocorren na mesma conxuntura máis non responden a mesma motivación política nacional, sendo mesmo aproveitadas polas forzas políticas estatais para realizar un novo intento de deixar sen sentido a distinción entre as nacións, recoñecidas como nacionalidades na Constituición, e as rexións autónomas.


Neste marco político, para Galiza o sentido da reforma do seu texto estatutario non pode ser outro máis que o de constituilo expresamente como un Estatuto de nación. Nesta conxuntura, de se aprobar en referendo un Estatuto que non for de nación, perdería de facto o carácter diferencial de Estatuto de nacionalidade que ten recoñecido na Constituición.


Naturalmente, ser nación política significa a realidade de, ou a aspiración a, contar cos instrumentos institucionais e competencias necesarias para responsabilizarse da propria sociedade, como ocorre noutro plano cando unha nación pretende contar con un Estado proprio. Non se trata simplesmente dun adorno identitario inoperante como se empeñan en argumentar demagóxicamente e ao servizo doutra nación contraditoria os que lle negan a Galiza esa condición histórica, política e institucional.


Para o BNG, e cando as forzas políticas estatais pretenden que os períodos de reforma dos Estatutos teñan unha amplitude de décadas, o Estatuto próximo ou ten un carácter de nación ou non pode ser aprobado: ou será de nación ou non será. Se o BNG aceitase un Estatuto que non tiver un carácter de nación con todos os instrumentos institucionais e competenciais precisos -incluidos os financeiros, os lingüísticos, os da administración territorial interna e dos recursos proprios e os referentes ás relacións intenacionais- ficaría mancado, gravemente eivado, na súa acción política por décadas. Se un Estatuto diferente for aprobado polo PP e polo PSOE deberían contar con un mui probábel fracaso no referendo ante a sociedade galega.


Dentro do BNG a procura o Estatuto de nación e sentida como unha necesidade e sofreríase unha grande deceición de non logralo. Mais sabese que para conseguilo o que compre é estabelecer un acordo previo, fundamentado sen ambigüidades nun Estatuto de nación, entre as dúas forzas políticas que governan en Galiza, intentando un compromiso co PP que non deturpe o principal do conseguido. O máis indicado non é facelo mediante un acordo de renuncias simultáneo entre os tres partidos presentes no Parlamento de Galiza.


En todo o caso, a xente do BNG non vai aprobar sen máis o que diga o Presidente de Galiza, que neste transcendental asunto actúa unicamente como deputado e secretario xeral do seu partido, de maneira que se el expresa unha postura propria farao nesa condición. O BNG non toma a elaboración do Estatuto como un exercicio de renuncias, senón todo o contrario, nen asume como exemplos a imitar as posicións políticas que inspiraron as reformas dos Estatutos de Valencia e Andalucia e muito menos as submisas referencias españolistas que os ilustran.


Logrado o compromiso entre os tres Grupos parlamentares ou, se non se consegue, entre PSOE e BNG, correspóndelle ao Parlamento de Galiza a decisión necesaria.

Por último. O BNG ven de celebrar a súa XII Asemblea Nacional e acaba de completar a eleición do Consello Nacional. Será dentro desta instituición interna onde deberá debater sobre a posición a a tomar a respeito dos proxectos estatutarios. Non tomou polo tanto ningunha decisión nen pode facelo de inmediato. O Consello Nacional reunirase este fin de semana, mais non ainda para tratar deste asunto. Para iso debería ser convocado expresamente. Non evidentemente para "desbloquear" o Estatuto como seica se pretende en Monte Pío.



Sem comentários: