quarta-feira, janeiro 24, 2007

Unha gran campaña a prol do idioma





MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO




Hai que felicitar á Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López, e a todo o seu equipo, pola presentación e posta en marcha da primeira gran campaña multisectorial que se realiza na historia do noso país para promover e impulsar o uso do galego na sociedade. Tanto no fondo como na forma, esta campaña publicística, de grande atractivo visual, está chamada a se converter nun importante punto de referencia para os cidadáns no que atinxe á valorización, recoñecemento e proxección –eu diría tamén universalización– da lingua propia de Galicia. ‘En galego, tes todo por dicir’ é o lema, ben acertado, que presidirá un conxunto de accións pensadas para xerar unha maior identificación coa lingua por parte, sobretodo, dos mozos e das mozas, creando así –a estética das mensaxes e das imaxes é fundamental– un campo favorecedor e "amábel" á hora de situarse diante da realidade individual e lingüística. Toda campaña publicitaria ben planificada abre, de xeito irradiante e expansivo, espazos e vías de comunicación co público e resulta de grande importancia a coordinación das accións a realizar e o tempo e a intensidade –a presente campaña estenderase ao longo de todo o ano– con que se plasman. ‘En galego, tes todo por dicir’ estará nos medios de comunicación, en diversos soportes publicitarios físicos e tamén, como non, en internet. Novas imaxes, pois, para a lingua galega, novos modos e formas, situándonos no espazo do contemporáneo, na pulsión do moderno. Se eu tivese que elixir unha das imaxes máis felices e entrañábeis desta campaña de Política Lingüística, elixiría, sen dúbida, a das dúas mulleres embarazadas que aproximan os seus ventres cheos de vida e de futuro. Din os expertos que unha lingua se considera en vías de extinción cando é falada por menos do 30 por cento da poboación infantil. Velaí o gran reto do idioma galego, a responsabilidade dos pais e das nais á hora de transmitírllelo ou non aos seus fillos. Esta campaña chega a nós como auga de maio. Os cidadáns teñen, como nunca, a palabra.


GALICIA HOXE 23/01/07


Sem comentários: