sexta-feira, fevereiro 23, 2007

ANXO QUINTANA DESTACA EN TOMIÑO O APOIO DO GOBERNO GALEGO AOS SERVIZOS SOCIAIS, NA PRESENTACIÓN DE SANDRA GONZÁLEZ, CANDIDATA NACIONALISTA Á ALCALDÍA


A candidata nacionalista presenta un BNG “preparado para resolver os problemas dos veciños e responsábel cando o pobo nos confía o goberno”

“Desde que o nacionalismo está na Xunta de Galiza, o goberno galego preocúpase polos servizos sociais, por crear residencias públicas para os anciáns, centros de día e garderías, porque o Partido Popular deixou este país nun absoluto subdesenvolvemento nos aspectos de benestar social”, afirmou o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, no acto de presentación de Sandra González, candidata á alcaldía de Tomiño, que tivo lugar na Casa da Cultura deste concello.

Quintana criticou ao goberno municipal tomiñés por non adherirse ao Consorcio Galego de Servizos Sociais, e afirmou que “hai que rematar cos gobernos que se guían pola lóxica da confrontación, e que pensan antes en desgastar ao goberno que nos seus veciños”. “Se na próxima lexislatura hai un goberno municipal encabezado polo BNG e por Sandra González, será moito máis fácil para a Xunta facer políticas de benestar, facer políticas de igualdade, apoiar o medio rural, a cultura e os sectores produtivos e apostar, en xeral, por servizos públicos de calidade”, sostivo.

“Os veciños de Tomiño son conscientes de que é posible o cambio. E é necesario que este cambio político estea liderado polo BNG, que presenta unha lista renovada, unha lista encabezada por unha muller que coñece o seu concello e que xa estivo traballando na oposición”, dixo o vicepresidente da Xunta.

Por último, Quintana resaltou que “cando o BNG goberna nun concello, o concello é de todos, e non propiedade particular do alcalde de turno” e chamou aos cidadáns a comprometerse co proxecto nacionalista para renovar un concello “no que xa leva demasiado tempo a mesma persoa”.

Discurso de Sandra González

“Os anos difíciles nos que ir nunha lista do Bloque significaba quedar marcado quedou atrás. Grazas aos que naquela época non se amilanaron e deron a cara hoxe somos unha forza política de goberno; unha forza política construtiva; preparada para resolver os problemas que preocupan aos veciños e veciñas, e responsábel cando o pobo nos confía o seu goberno”, afirmou a candidata nacionalista.

González comprometeuse a dotar de saneamento ás parroquias rurais e a completar o abastecemento de auga potábel nos núcleos urbanos. Así mesmo, propuxo adaptar o actual PXOUM para “favorecer un crecemento ordenado e crear núcleos con espazos verdes para as familias, respectando o medio rural”.

Tamén afirmou que xestionará a construción dun centro de día; dunha biblioteca municipal e dunha piscina, así como rematar o polígono industrial para favorecer a creación de emprego. Sandra González destacou que ao outro lado da “raia”, en Vilanova de Cerveira, “dispoñen dun urbanismo ordenado e de servizos dos que nós carecemos. Por que alí é posíbel e aquí non?”.


Sem comentários: