sábado, fevereiro 17, 2007

ANXO QUINTANA: “QUEREMOS OFRECERLLE UNHA OPORTUNIDADE DE FUTURO Á XENTE QUE MARCHA DE FERROLTERRA PARA BUSCAR TRABALLO”

O BNG organizou un acto en apoio ao proxecto presentado pola Consellaría de Innovación e Industria para o estaleiro de Fene

“Queremos rematar con esta situación de gradas valeiras, guindastres parados e talleres inactivos. Queremos ofrecerlle unha oportunidade de futuro a todas esas xentes desempregadas que teñen que marchar de Ferrolterra para atopar un traballo”, afirmou o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, nun mitin convocado polos nacionalistas no vicerrectorado da UDC. O Bloque quixo así mostrar o seu apoio ao proxecto do departamento de Industria para ceder os activos ociosos do estaleiro Navantia-Fene á empresa Barreras; co obxectivo de revitalizar o sector naval e crear en torno a 3.000 postos de traballo.

Neste acto, precedendo ao vicepresidente da Xunta no uso da palabra, interviñeron tamén Xosé María Rivera Arnoso, alcalde de Fene, Xoán Xosé Pita, candidato do BNG á alcaldía de Ferrol, Francisco Rodríguez, portavoz nacionalista no Congreso e Fernando Blanco, o conselleiro de Innovación e Industria.

“A Consellaría de Industria conseguiu aglutinar intereses e esforzos en torno a un proxecto de revitalización do naval da comarca de Ferrol: un proxecto que conta cun socio industrial, a empresa galega Hijos de J. Barreras, cun socio financeiro: as caixas de aforros do país, e co respaldo do goberno galego.”, dixo Quintana.

“Excusas da SEPI”

“Non nos satisfán as escusas da SEPI, porque os seus argumentos non se sosteñen. A limitación á construción naval civil en Fene non está recollida en ningún documento. Non hai constancia oficial de ningún acordo neste senso. En todo caso, a limitación refírese unicamente ao sector público”, afirmou o portavoz nacional do BNG.

Ademais, Quintana esixiu que o goberno central faga público o expediente completo deste “suposto acordo”, ao tempo que anunciou que Ferrolterra non pode volver ser o chivo expiatorio da reconversión naval no Estado español.

O líder nacionalista destacou que na actualidade só se está a usar o 3% da capacidade produtiva da antiga Astano, e que “na práctica este centro non funciona como un estaleiro, senón como un obradoiro auxiliar, subordinado a Navantia-Ferrol”. Tamén destacou a conxuntura favorábel a nivel internacional para a construción naval civil. “Temos capacidade técnica e humana para facer barcos. O que falta é que nos deixen explotar esas capacidades”, sostivo.

Non se privatiza Navantia-Fene

Quintana explicou que este plan presentado non supón unha privatización, senón unha venda dos activos ociosos que Navantia ten en Perlío. “A actividade militar e os compromisos asumidos polo Goberno do Estado non se verían afectados. Así mesmo, o actual persoal de Navantia en Fene continuaría a pertencer á empresa pública coas mesmas condicións laborais que até agora”, afirmou.

Sem comentários: