quinta-feira, fevereiro 01, 2007

Beiras reivindica a “función emancipadora do nacionalismo fronte ás novas formas de colonialismo” que se dan hoxe no mundo

A Fundación Galiza Sempre apoiará unha campaña para reformar institucións internacionais como a ONU, o Banco Mundial e o FMI

Santiago de Compostela, 27 Xaneiro 06. O presidente da Fundación Galiza Sempre e membro da executiva do BNG, Xosé Manuel Beiras, destacou que “fronte ao pensamento oficial, que o toma como algo fóra de tempo”, a función do nacionalismo político na actual situación mundial, “é unha función emancipadora fronte ás novas formas de colonialismo e de racismo implícitas no poder económico ultraliberal que goberna o planeta”.

Beiras, en rolda de imprensa tras volver do Foro Social Mundial (FSM) de Nairobi, destacou que o Foro se caracteriza por tomar a diversidade como característica fundamental da realidade humana e do “suxeito histórico”; fronte ao “suxeito histórico homoxéneo” das concepcións ideolóxicas nacidas no XIX. “A humanidade é diversa en etnias, xénero, linguas, polo que hai que articular as distintas percepcións para diagnosticar os seus problemas”. En base a isto, os foros serven para preparar“estratexias de acción” contra os desastres provocados pola globalización liberal.

O presidente desta Fundación de estudos vinculada ao BNG, apostou por cambiar o enfoque actual de “axuda do Norte ao Sur” pola “articulación do Sur” e das alternativas que este produce, como por exemplo as liñas de colaboración entre Latinoamérica e África, protagonizadas por Brasil, Venezuela, Bolivia no subcontinente americano, e polas “sociedades máis dinámicas” en África, como as de Kenia ou da Unión Sudafricana. “O Sur debe ser protagonista da solución dos seus propios problemas”, afirmou.

“Cómpre cambiar a orde económica mundial; pero para cambiala é necesario estabelecer novas liñas políticas; o que será imposible se non se reforman as institución internacionais”, afirmou o responsábel de Alternativas Programáticas da dirección nacionalista. Nesa liña a Fundación Galiza Sempre sumouse a unha campaña en favor da reforma e da democratización real das institucións internacionais, especialmente a ONU, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional. “Unha medida ambiciosa e que pode parecer utópica, sería converter a Asemblea das Nacións Unidas nun parlamento dos pobos, e non dos gobernos”, segundo explicou.

“Con independencia dos éxitos concretos que poida ter, o Foro Social Mundial, serve para mostrar as realidades silenciadas e as dinámicas emerxentes”, concluíu o anterior portavoz nacional do BNG.

http://www.bng-galiza.org/servlet/ContentServer?pagename=R&c=Articulo&cid=1169497799193&pubid=1037366653062&idm=Galego

Sem comentários: