segunda-feira, fevereiro 19, 2007

BNG: a máscara que tapa a ignominia

O Bloque Nacionalista Galego é a maior organización política do nacionalismo galego. Para todalas persoas que nos consideramos nacionalistas e queremos aporta-lo noso gran de area ó proceso de construcción nacional de Galiza pasa por ser unha referencia inevitable. Non é cuestión de concordar ou non co discurso da fronte, coa súa praxe ou evoluír. Trátase de que é a maior ferramenta da que nos dotamo-los galegos para artellar un proceso de construcción nacional que superase a anomalía que para nós supón vernos integrados no Estado doutra nación. De feito, é que é a única que conta con capacidade de incidencia real no ámbito nacional. Por iso doe tanto ter que acabar escribindo algo coma isto. Pero levamos tempo de máis calando, e este cheiro a podre non se soluciona con ambientadores.

O feito que quero denunciar agora é a agresión máis frontal que xamáis vin dentro da fronte. Nunca, repito, nunca, pensei que a UPG se atrevese a tanto. Nin nos momentos de maior indignación supuxen que chegarían tan lonxe. A UPG ven de promove-la expulsión dun militante por pertencer a unha asociación de apoio a Israel. Por incrible que pareza, a realidade é que un militante do Bloque Nacionalista Galego está a piques de ser expulsado da organización por unha actividade que realiza na súa vida privada.

O vigués Pedro Gómez-Valadés está a ser sometido a un proceso kafkiano por se-lo presidente da recentemente creada Asociación Galega de Amizade con Israel. Que ninguén enfoque isto en función de se un está a favor ou en contra de Israel; o que aquí se plantexa é ata qué punto unha organización política, que por lei ten que ser democratica, pode admitir ou expulsar a alguén en función da súa postura sobre ese tema. Porqué non expulsar ós homosexuais? Ou ós que falan español na súa vida cotiá? Porqué deterse en quen defende unha postura minoritaria sobre o conflicto árabe-israelí?

Porque se isto sae adiante, na próxima asamblea comarcal pedirei que expulsen a Francisco Rodriguez pola súa defensa enfervorizada na última Asamblea Nacional da dictadura cubana e do rexíme teocrático iraniano. Ou é que no doble raseiro da UPG é peor un Estado democrático coma Israel, esteamos ou non dacordo coa súa política militar, que unha dictadura vitalicia coma a de Fidel Castro, ou un país gobernado polos clérigos? Ben, supoño que non haberá que chegar a ese extremo porque coido que no BNG hai liberdade de expresión. Francisco Rodriquez é moi libre de defender a quen lle pete; o único que exixo é que se dea reciprocidade.

O tema ven de atrás e polo tanto hai que por sobre a mesa tódolos elementos. Gómez-Valadés é un militante de Esquerda Nacionalista, o nucleo do socialismo democrático dentro da frente. Ademáis, este militante é membro da Executiva Comarcal do BNG de Vigo, así coma responsable de Lingua e Cultura no mesmo órgano. Cabe recordar aquí, como se ten feito noutro blog, que a candidatura da Alternativa, na que se integrou EN, obtivo case a metade dos votos nas eleccións ó Consello Comarcal, ameazando o dominio da UPG na comarca. É de EN e ademáis é visible. Hai que ter isto presente para poder entender a situación. Se cadra equivócome, pero dubido moito que se se tratase dun militante de base sen adscripción partidaria se tivese montado este esperpento. Non estamos discutindo se apoiamos ou non a Israel; o que discutimos é se, dentro da fronte, ímos tolerar o vale todo para represaliar enemigos políticos.

Logo de ser incluída na orde do día, e tras unha sesión de dúas horas adicadas a denigralo, onde se chegou a alegar que estaba a soldo do Mossad ou a afirmar textualmente que "defender a Israel é moito peor que pegarlle á muller" (sic), o Consello Comarcal de Vigo ven de solicitar formalmente a súa expulsión, a menos que, no prazo de quince días, abandone a asociación e se arrepinta públicamente de ter apoiado a Israel. Pasado ese prazo, se non pide perdón pola súa herexía, o seguinte paso é que o Consello Nacional ratifique a expulsión. Sen dúbida, ata ahí chegaremos. O que acontece é que no Consello Nacional a UPG non ten maioría absoluta, co que para sacar isto adiante necesita dos votos do quintanismo. Votará Quintana e os seu en contra, índa a risco de enfadar a quen o manten no poder? Ou cederán de novo, alegando calquera excusa?

Por elo, gustaríame acabar dirixíndome ó outro grupo que ostenta a día de hoxe o poder no Bloque, a ese magma heteroxéneo coñecido como "quintanismo". Levan tempo presumindo de modernos; agora é o momento de demostralo con feitos. E preguntarlles se pensan poñer un mínimo de sentido común en toda esta tolemia ou, tamén esta vez, ante este atropelo, van aparta-la mirada e xustificalo cínicamente.

http://julicheiro.blogspot.com/2007/02/bng-mscara-que-tapa-ignominia.html


Sem comentários: