quinta-feira, fevereiro 22, 2007

COMUNICADO DO COLECTIVO HETAIRA

Ante as conclusións ás que chegou a Comisión Mixta dos Dereitos da Muller do Congreso dos Deputados en relación ao tema da prostitución, o colectivo Hetaira (Colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas) quere manifestar:


Que lamentamos profundamente devanditas conclusións xa que deixan totalmente desprotexidas ás mulleres que exercen a prostitución e reafirman a vulneración de dereitos ás que hoxe están sometidas.

Que, tal e como o manifestamos reiteradamente as Asociacións que temos coñecemento directo do tema, a loita eficaz contra a trata de mulleres con fins do comercio sexual só é posible si se diferenza claramente a prostitución voluntaria, que debe ser recoñecida legalmente, da prostitución forzada que debe ser perseguida. Así o recoñece tamén o Informe da Unidade Técnica de Policía Xudicial da Garda Civil elaborado en 2004.

Que as conclusións ás que chegou a Comisión están altamente prexuizadas e ideolóxizadas e non teñen en conta a realidade concreta das persoas traballadoras do sexo.

Malgastouse o diñeiro público e o tempo de todas as persoas que pasaron pola Comisión para intentar xustificar unhas conclusións que estaban tomadas antes de que a Comisión empezase os seus traballos: así o demostran as declaracións dos membros do PSOE e do PP cando se constituíu a Comisión que coinciden ao cento por cento co que foi aprobado.

Asómbranos a terxiversación que se fai dos artigos 9 e 14 da Constitución para negar a consideración da prostitución como un traballo, cando eses mesmos artigos serven para recomendar xustamente o contrario: a necesidade de que se acabe coa discriminación que sofre este sector de traballadoras polo feito de ofrecer servizos de carácter sexual. A ideoloxía discriminatoria que xulga ás mulleres en función do seu comportamento sexual segue presente nas conclusións da Comisión.

Preocúpanos especialmente que un sector do feminismo en nome da dignidade das mulleres en abstracto negue a dignidade das mulleres que queren seguir exercendo voluntariamente a prostitución, facendo invisibles e desconsiderando os seus dereitos como traballadoras. Neste sentido non está de máis recordar que neste país tivemos unha lexislación abolicionista baixo o franquismo e que a Lei que se promulgou en 1956 para erradicar a prostitución aludía no seu preámbulo á dignidade das mulleres.

Desde Hetaira esperamos que o sentido común prevaleza e reiteramos a nosa vontade de seguir loitando por que se garantan os dereitos de todas as persoas que exercen a prostitución. Neste camiño parécenos fundamental o recoñecemento da prostitución como un traballo que tamén é exercido de xeito voluntario e o consecuente recoñecemento de dereitos que se derivan diso.

HETAIRA (Colectivo en Defensa dos Dereitos das Prostitutas).

Sem comentários: