terça-feira, fevereiro 13, 2007

A dura realidade

Revista Irimia Nº 736.




O fracaso da negociación para a reforma do Estatuto de Autonomía axitou o ámbito político galego, malia o acercamento de posturas entre os tres partidos ao que se chegara nos primeiros día do 2007, xusto na véspera do encontro de Touriño, Quintana e Feijoo. O pacto de non agresión entre os tres durou 24 horas e logo todos se puxeron a buscar culpables.

O clima político non é precisamente apracible. A proximidade das eleccións locais ten a todo o mundo en alerta vermella. Mentres os grupos de presión non deixan de actuar, aproveitando os tempos revoltos. Algúns operan a cara descuberta, como Pescanova, todo un símbolo da empresa galega exemplar, que desafía á Xunta e se considera pouco menos que perseguida, esquecendo os millóns que vén recibindo en subvencións do goberno galego.

Pero hai outros ámbitos nos que a batalla está sendo ruda, alentada por algúns medios que exercen de brazo secular dos axentes políticos. Os conflitos urbanísticos en numerosos concellos fóronse deixando apodrecer e agora atopan un eco moi forte en xornais como El País, que segue a se chamar diario independente, e navega a toda máquina cunha forte escora, tamén nas páxinas especiais que dedica a Galicia. Porque, por exemplo, non se lle ve a mínima distancia crítica coa política socialista sobre o plan xeral de Vigo, exercida desde a Xunta ou desde a oposición municipal.

Os atascos que sofre todo o sistema sanitario son outro arduo campo de batalla, aínda que niso o ariete é outro xornal, que ten ademais a fórmula máxica de solución: destinar para contratar médicos o diñeiro que nos custa a Cidade da Cultura. Podería ser un bo elemento de solución, mágoa que ese medio non alzase a súa voz ata pasado o verán de 2005.

Por suposto, tanto o urbanismo como o funcionamento do sistema sanitario son dous elementos esenciais do bo funcionamento dun país. E as consecuencias dos mesmos séntense moi claramente por unha cidadanía que non acerta a ver o alcance dunha polémica reforma estatutaria. Pero tanto os partidos políticos como os principais medios de comunicación non afrontan esas cuestións coa seriedade que se merecen.

Algo semellante ocorre con outros asuntos que ocuparon as primeiras páxinas dos xornais galegos. Proxectos como as obras do AVE –e sobre todo na súa conexión con Vigo- ou para a recuperación industrial de Ferrol (aproveitando os terreos da antiga ASTANO) non están recibindo o trato que se podía esperar xa non dun goberno amigo, senón xusto.

En todas estas cuestións sería de esperar unha actitude unánime dos tres partidos políticos. Pero tampouco agora, como nos problemas do lume e das enchentes, hai unidade de criterios. E iso que a oposición pouco pode dicir, á vista da súa anterior xestión, aínda recente.

Tintxu
http://www.vieiros.com/publicacions/nova.php?Ed=26&id=56233

Sem comentários: