segunda-feira, fevereiro 19, 2007

EU ACUSO

Émile Zola

Señor Presidente,

Agradecido por terme recibido daquela tan amablemente e preocupado tamén pola súa honra ben merecida, ¿vaime permitir que lle diga que a súa estrela, tan afortunada deica ata agora, vese ameazada pola máis vergoñenta e imborrable das tarefas?

Vostede saíu con ben das calumnias rastreiras, conquistou os corazóns. Vostede apareceu radiante na apoteose que foi para Francia a alianza rusa, e disponse para presidi-lo solemne triunfo da nosa Exposición Universal que vai coroa-lo noso grande século de traballo, de verdade e de liberdade. Sen embargo, ¡Como lixa o seu nome –ía dici-lo seu reinado– este abominable caso Dreyfus! Un consello de guerra, seguindo ordes, ven de absolver a Esterhazy; labazada suprema a toda verdade e a toda xustiza. Xa está feito, Francia xa ten esta tacha na figura e a historia vai escribir que foi baixo a súa presidencia cando semellante crime social puido ser cometido.

Xa que eles se atreveron, tamén me vou atrever eu. Direi a verdade porque prometín dicila, se a xustiza, legalmente secuestrada, non a dixese plenamente, enteiramente. É o meu deber falar, non quero ser cómplice. Os meu soños serían, se non, atormentados pola pantasma daquel inocente que, na mais horrible das torturas, paga alá lonxe por un crime que nunca cometeu.

E vai ser a vostede, señor Presidente, a quen lle berrarei esta verdade con toda a forza da miña indignación de home honrado. A súa honradez faime crer que non o sabe. ¿E a quen, se non é a vostede, o primeiro maxistrado do pais, lle ía denunciar esta turba maligna dos auténticos culpables?

Primeiro a verdade sobre o proceso e sobre a condenación de Dreyfus.

Un home nefasto organizou todo, fixo todo, trátase do tenente coronel du Paty de Clam, entón simple comandante. El mesmo ven a ser caso Dreyfus; non no coñeceremos ata que unha investigación leal estableza claramente os seus actos e as súas responsabilidades. Aparece coma o espírito mais turbio, mais complicado, obsesionado con intrigas novelescas, interesado polas novelas por entregas, polos papeis roubados e cartas anónimas, por citas en sitios escondidos e mulleres misteriosas que de noite levan as probas comprometedoras. El foi quen imaxinou dictar aquela lista a Dreyfus; el foi que imaxinou estudiala nunha habitación revestida de espellos; a el é a quen o comandante Forzinetti representa cunha sórdida luz tratando de introducirse onda o acusado namentres dorme, para proxectar se súpeto sobre a súa cara unha claridade que descubra o seu crime na sorpresa do espertar. Non o teño que dicir eu todo, que se busque e encontrarase. Eu declaro simplemente que o comandante do Paty de Clam, como oficial xudicial encargado da instrucción do caso Dreyfus, é na orde das datas e das responsabilidades, o primeiro culpable do tremendo erro xurídico que foi cometido.

A lista xa levaba algún tempo nas mans do coronel Sandherr, director do servicio de información, que morreu despois dunha parálise xeral. Houbera filtracións, desapareceran papeis, como aínda desaparecen hoxe: aínda se buscaba ó autor da lista, cando se empezou a dicir que o autor non podía ser outro ca un oficial do Estado Maior, e en concreto un oficial de artillería: dobre erro manifesto, que mostra con que superficialidade se estudiara aquela lista, posto que un simple exame un pouco razoado deixa claro que non podía tratarse mais ca dun oficial de infantería.

Buscábase pois na casa,examinábanse os escritos, era coma unha cousa de familia, buscábase sorprender a un traidor na sección mesma, para botalo fora. Non é que eu queira agora volver contar unha historia xa coñecida en parte, pero o comandante du Paty de Clam entra en escena tan pronto como a primeira sospeita cae sobre Dreyfus. Dende este momento, foi el quen inventou Dreyfus, o caso convertese no seu caso, gábase de confundir ó traidor, de levalo a unha confesión completa. E certo que hai un ministro da guerra, o xeneral Mercier de intelixencia mais ben mediocre; tamén está o Xefe do Estado Maior, o xeneral de Boisdeffre, que parece ter cedido á súa paixón clerical, e está o sub-xefe do Estado Maior, o Xeneral Gonse, cunha conciencia que ben se acomodou a moitas cousas. Pero, no fondo, está primeiro o comandante du Paty de Clam, que os manexa a todos, que os hipnotiza, porque tamén se dedica o espiritismo, ó ocultismo, conversa cos espíritos. Non se dan imaxinado ben os tragos ós que someteu ó desgraciado Dreyfus, as trampas nas que o quixo facer caer, os interrogatorios dementes, as imaxinacións monstruosas, toda unha tolemia torturadora.

Ou! o principio do caso é un pesadelo, para quen coñece os detalles. O comandante du Paty de Clam aresta a Dreyfus, incomunícao. Vai xunto a súa muller, aterrorízaa, e dille que se conta algo, o seu home está perdido. Namentres, o desgraciado desfacíase berrando a súa inocencia. Así se fixo a instrucción, coma nunha crónica do século XV, no medio do misterio, cunha complicación de expedientes salvaxes, todo baseado nun so cargo infantil, esta lista imbécil, que non era soamente unha vulgar traizón, senón tamén a mais estúpida estafa, posto que os famosos secretos revelados case ningún deles tiña valor. Se insisto nisto, é que aquí está o ovo de onde vai saír máis tarde o verdadeiro crime, a espantosa denegación de xustiza que fai esmorecer a Francia enteira. Quixera deixar ben claro como puido chegar a producirse o erro xudicial, como naceu das maquinacións do comandante du Paty de Clam, como o xeneral Mercier, os xenerais de Boisdeffre e Gonse se deixaron pillar e logo comprometeron pouco a pouco a súa responsabilidade neste erro, que logo creron deber impoñer coma a verdade santa, coma unha verdade que nin se discute. Ó primeiro, non hai pola súa parte mais ca incuria e pouca capacidade. Todo o mais vémolos ceder ás paixóns relixiosas do ambiente e ós prexuízos do espírito de corpo. Deixaron actuar á estupidez.

Pero velaí a Dreyfus diante do Consello de guerra. Esíxese o secreto máis absoluto. Se un traidor abrise a fronteira ó inimigo para traer ó emperador alemán coroarse a Notre Dame, non se tomarían medidas de segredo e de silencio mais fortes. A nación cae no asombro, córrense feitos terribles, traizóns monstruosas que indignan á historia; e naturalmente a nación acepta. Non hai castigo severo bastante, a nación aplaudirá a degradación pública, vai querer que o culpable quede amarrado a rocha da infamia devorado polos remordementos.Aquelas cousas que non se poden dicir, aquelas cousas perigosas que poden incendiar toda Europa e que houbo que soterrar coidadosamente detrás dun xuízo a parta pechada, ¿son logo certas? ¡Non! Detrás de todo non houbo máis que as imaxinacións novelescas e dementes do comandante du Paty de Clam. Todo iso non se fixo mais que para esconde-lo máis estrafalario folletín. E, para convencerse, chega con estudiar atentamente a acta de acusación lida diante do consello de guerra.

¡Ou! ¡Que cousa mais nula! Que un home puidese ser condenado segundo esta acta e un prodixio de iniquidade. Eu desafío á xente honrada a que a lean sen saltar de indignación e de rabia pensando na expiación desmesurada, aló na Illa do Demo. Que Dreyfus sabe varias linguas, un crime; que se non se lle encontrou ningún papel comprometedor, outro crime; que ás veces vai ó seu pais natal, un crime máis; se é traballador, e lle gusta saber, crime igual; se se abate pois crime e se mantén sereno crime tamén. ¡E as inxenuidades da redacción, as aseveracións formais sen ningún fundamento! Falárasenos de catorce motivos de acusación: non encontramos mais ca un a fin de contas, o asunto da lista; e logo soubemos de que os expertos non estaban de acordo, de que un deles, o Sr. Gobert, foi presionado polos militares, porque se permitía tirar conclusións que non ían no sentido desexado. Falábase tamén de vintetrés oficiais que viñeran confundir Dreyfus coas súas testemuñas. Ignoramos aínda o que lles preguntaron, pero é seguro que todos non o culparon; e hai que notar ademais que todos pertencían á sección da guerra. Trátase dun proceso de familia, estase entre camaradas, e haise que acordar de que o Estado Maior quixo o proceso, xulgou e ven de xulgar outra vez.

Polo tanto non quedaba mais ca aquela lista, a propósito da cal os expertos non se puxeron de acordo. Dise que, na sala do consello, os xuíces ían naturalmente absolver. E a partir de entón, que ben se entende a teima desesperada coa que, para xustifica-la condena, se afirma hoxe a existencia dun documento secreto, decisivo, o documento que non se pode ensinar, que lexitima todo, diante do cal todos nos debemos inclinar, o mesmo Deus invisible e incognoscible. Dígoo con tódalas miñas forzas: ese documento non existe. Unha peza ridícula, si, pode ser un documento no que se fala de mulleres, onde se fala dun tal D... que esixe demasiado: seguro que algún marido que lle parecía que non lle pagaban o bastante pola muller. Pero un documento que teña que ver coa defensa nacional, que non se podería coñecer sen que a guerra se declarase ó día seguinte, non e non. É unha mentira, e iso é aínda máis cínico e odioso polo feito de que menten impunemente sen que haxa maneira de convencelos diso. Alborotan Francia enteira, escóndense detrás dunha emoción lexítima, pechan as bocas turbando os corazóns, perverten os espíritos. Non coñezo un crime cívico máis grande.

Aí ten, Sr. Presidente, os feitos que explican como un erro xudicial chegou a cometerse; e as probas morais, a situación aleatoria de Dreyfus, a ausencia de motivos, o seu berro continuo de inocencia, veñen de mostrar como unha víctima das desaforadas imaxinacións do comandante du Paty de Clam e do medio clerical no que se movía, víctima da caza ó "sucio xudeu" que deshonra á nosa época.

E así chegamos ó caso Esterhazy. Pasaron tres anos, moitas conciencias quedaron profundamente intranquilas, movéronse, indagaron e acabaron por convencerse da inocencia de Dreyfus.

Non vou face-la historia das dúbidas, e logo da convicción do Sr. Scheurer-Kestner. Pero, namentres que el buscaba polo seu lado, ocorreron cousas graves no mesmo Estado Maior. O coronel Sandherr morrera, e sucedérao o tenente coronel Picquart como xefe do servicio de información. E como tal, no exercicio das súas funcións, este último tivo un día nas mans unha carta-telegrama, dirixida ó comandante Esterhazy por un axente dunha potencia estranxeira. O seu estrico deber era o de abrir unha investigación. Seguro que nunca actuou á marxe da vontade dos seus superiores. Comunicou as súas sospeitas ó seus superiores xerárquicos, ó xeneral Gonse, logo ó xeneral Boisdeffre, despois ó xeneral Billot que sucedera ó xeneral Mercier como ministro da guerra. O famoso informe Picquart, do que tanto se falou, nunca foi outra cousa mais ca o informe Billot, un informe feito por un subordinado para o seu ministro; o informe este debe de estar aínda no ministerio da guerra. As investigacións duraron dende maio a setembro de 1896, e o que hai que afirmar ben alto é que o xeneral Gonse estaba convencido da culpabilidade de Esterhazy, é que os xenerais Boisdeffre e Billot non dubidaban de que a lista non fose escrita por Esterhazy. A investigación do tenente coronel Picquart chegara a esta constatación certa. Pero o sobresalto era grande porque a condenación de Esterhazy levaba inevitablemente consigo a revisión do proceso de Dreyfus; e iso era algo que o Estado Maior tiña que evitar como fose.

Tivo que haber aquí un minuto psicolóxico cheo de angustia. Note que o xeneral Billot non estaba comprometido en nada, recen chegado, el podía esclarece-la verdade. Non se atreveu, aterrorizado sen dúbida pola opinión pública, aterrorizado polo temor de acusar a todo o Estado Maior, o xeneral Gonse, o xeneral Boisdeffre, sen conta-los subordinados. Logo, non foi mais ca un minuto de combate entre a súa conciencia e o que el cría que era o o interese militar. Cando este minuto pasou, xa era tarde de máis. Xa estaba implicado, xa esta comprometido. E, dende entón, a súa responsabilidade non fixo mais ca medrar, cargou co crime de outros, é tan culpable coma os outros, e máis culpable ca os outros, posto que el puido facer xustiza e non a fixo. Enténdao. Vai xa mais dun ano dende que o xeneral Billot, e que os xenerais Boisdeffre e Gonse saben ben que Dreyfus é inocente e gardaron para eles esta monstruosidade. E esta xente dorme tranquilamente, e teñen mulleres e nenos a quen queren.

O tenente coronel Picquart cumprira co seu deber de home honrado. Insistía diante dos superiores no nome da xustiza. Suplicáballes mesmo, explicáballes as consecuencias políticas que ían te-los atrasos diante da tempestade que se viña encima, que debía estoupar cando se coñecese a verdade. Máis tarde, veu tamén a linguaxe que o Sr. Scheurer-Kestner mantivo diante do xeneral Billot, conxurándoo a que por patriotismo botara man do caso, de que non o deixara agravarse ata converterse nun desastre público. ¡Non! O crime estaba cometido e o Estado Maior non podía xa confesa-lo seu crime. Picquart foi enviado ó estranxeiro, mandárono cada vez máis lonxe, ata Tunisia; quixeron mesmo honra-la súa bravura encargándoo dunha misión que seguramente o levaría á morte no paraxe onde xa encontrara o morte o xeneral Morès. Non caera en desgracia. O Xeneral Gonse mantiña con el unha correspondencia entre amigos. Unicamente que hai secretos que non di ben ter chegado a sabelos.

En París a verdade camiñaba, irresistible, e xa se sabe de que maneira a tempestade esperada estalou. O señor Mathieu Dreyfus denunciou ó comandante Esterhazy coma o verdadeiro autor da lista, no momento en que o señor Scheurer-Kestner ía depositar nas man do ministro de Xustiza unha demanda de revisión do proceso. E agora é cando aparece o comandante Esterhazy. Hai testemuñas que o mostran primeiro descomposto, disposto ó suicidio ou a fuga. Logo, de repente, xoga á audacia e sorprende a todo París pola violencia da súa actitude. É que lle chegara axuda, recibira unha carta que o advertía dos movementos dos seus inimigos, mesmo una misteriosa dama se tomara de noite o traballo de pasarlle un documento roubado no Estado Maior que o debía salvar. E non podo evitar de volver encontrar aquí ó tenente coronel du Paty de Clam, ó recoñece-los efectos da súa fértil imaxinación. A súa obra, a culpabilidade de Dreyfus, estaba en perigo, e el quería defende-la súa obra. A revisión do proceso era o derrube da serie tan extravagante con desenlace na Illa do Demo. Iso non o ía el permitir. Dende entón, vai ter lugar o doo entre o tenente coronel Picquart e o tenente coronel du Paty du Clam, un a cara descuberta, outro enmascarado. Ímolos encontrar logo ós dous diante da xustiza civil. No fondo, quen se defende segue sendo o Estado Maior, que non quere confesar ou seu crime que cada vez se vai facendo mais abominable.

Preguntámonos con estupor quen eran os protectores do comandante Esterhazy. Primeiro, na sombra quen maquinou e organizou todo foi o tenente coronel du Paty du Clam. A súa man déixase ver polos estrafalarios medios que utilizou. Logo están o xeneral Boisdeffre, o xeneral Gonse e o mesmo xeneral Billot que se ven obrigados a facer absolver ó comandante, xa que non poden deixar que se recoñeza a inocencia de Dreyfus sen facer caer á sección da guerra no desprezo público. E o gran resultado desta incrible situación é que o único home honrado no medio de todo iso, o único que cumpriu co seu deber, o tenente coronel Picquart vai se-la víctima que se despreza e se castiga. ¡Ai xustiza, que desesperación tan horrible encolle o corazón! Chégase a dicir que é el o falsario, que foi el quen fabricou a carta-telegrama para fundir a Esterhazy. Pero, por Deus, ¿Por qué? ¿Para qué? Dádeme un motivo.¿Tamén el está pagado polos xudeus? E o bo da historia é que el era precisamente antisemita. ¡Si! Asistimos a este espectáculo infame, de homes fundidos pola débedas e polos crimes que se ven proclamados inocentes, namentres se golpea ó honor mesmo, a un home que ten a vida sen tacha. Cando unha sociedade chega ata tal punto vai cara a súa descomposición.

Velaí, señor Presidente, o caso Esterhazy: un culpable que había que facer inocente. Xa vai facer dous meses que podemos seguir hora a hora semellante faena. Abrevio, porque agora non fago maís cas resumir esta historia que queima, e que un día será escrita completamente. Puidemos polo tanto ver como o xeneral Pellieux, e logo o comandante Ravary, levaban a cabo un sumario malvado de onde os pícaros saían transfigurados e os homes honrados saían emporcallados. ¿Como se podía esperar que un consello de guerra ía desface-lo que fixera outro consello de guerra?

Xa non falo sequera das opcións sempre posibles dos xuíces. A idea superior de disciplina, que está na alma destes soldados, ¿non chega para anula-lo seu poder de equidade? Quen di disciplina di obediencia. Cando o Ministro da Guerra, o gran xefe, estableceu publicamente, coas aclamacións da representación nacional, a autoridade do caso xulgado, queredes que un consello de guerra o vaia desmentir formalmente? Xerarquicamente iso é imposible. O xeneral Billot suxestionou ós xuíces coas súas declaracións, e eles xulgaron coma se foran atacar: sen razoar. A opción preconcibida que levaron consigo ó tribunal foi a seguinte: "Dreyfus foi condenado por traizón nun consello de guerra, e polo tanto é culpable; e nos, consello de guerra, nos non o podemos declarar inocente; e sabemos ben que proclama-la culpabilidade de Esterhazy sería coma proclama-la inocencia de Dreyfus". Nada os podía facer saír disto.

Así emitiron unha sentencia vergoñenta, que pesará para sempre nos consellos de guerra, que de aquí en diante fará sospeitar de tódalas súas decisións. O primeiro consello de guerra puido ser estúpido, pero o segundo si que é, á forza, criminal. A súa escusa e que o xefe supremo falara, declarando a cousa xulgada inatacable, santa e superior ós homes, de maneira que os inferiores non podía dici-lo contrario. Fálasenos do honor do exército, quérese que o amemos, que o respectemos. ¡Ai!, si, o exército que se levantará á primeira ameaza, que defenderá a terra francesa, é todo o pobo, e non temos por el mais ca respecto e tenrura. Pero non se trata do exército, para o que queremos precisamente a dignidade, no noso desexo de xustiza, trátase da espada, que ó mellor vai ser quen mande en nós mañá. E bicar devotamente o puño da espada, iso si que non.

Por outra parte xa o demostrei: o caso Dreyfus é o caso da sección da guerra, un oficial de estado Maior denunciado polos seus camaradas do Estado Maior, condenado baixo a presión dos seus xefes do Estado maior. Unha vez mais, non pode volverse inocente sen que todo o Estado Maior sexa culpable. Entón, a sección, por tódolos medios imaxinables, con campañas de prensa, con comunicacións, con influencias, ¿non foi certo que cubriu a Esterhazy para ir unha vez máis contra Dreyfus? O goberno republicano ¿non debería varrer dunha vez esta "xesuiteira", como lle chama o mesmo xeneral Billot? ¿Onde está o Ministerio realmente forte e prudentemente patriota que se atreva a refundir e renovar todo iso? ¡Canta xente coñezo que diante dunha posible guerra trema de angustia sabendo en que mans está a defensa nacional! ¡ En qué niño de baixas intrigas, de murmuracións e de dilapidacións se converteu este asilo sagrado onde se decide o destino da patria! Espanta a claridade que que se acaba de facer alí co caso Dreyfus, este sacrificio humano dun desgraciado, dun "sucio xudeu". ¡Canta demencia e estupidez, imaxinacións fantasiosas, prácticas subterráneas, costumes de inquisición e de tiranía, homes con galóns pisando a nación coas súa botas ou invocando a verdade e e xustiza baixo o pretexto mentirán e sacrílego da razón de estado!

Apoiarse na prensa inmunda, deixarse defender por toda a canalla de París de xeito que trunfa a canalla insolente coa derrota do dereito e da simple probidade. Cando é un mesmo quen urde o complot impúdico de impo-lo error, é un crime o ter acusado de atoldar Francia enteira a aqueles que a queren xenerosa, á cabeza das nacións libres e xustas. E un crime confundir á opinión, utilizar para unha tarefa de morte esta opinión que un mesmo perverteu ata facela delirar. É un crime envelena-los pequenos e os humildes, atiza-las paixóns de reacción e de intolerancia abrigándose detrás do odioso antisemitismo que, de non darse librado del, vai causa-la morte da gran Francia liberal dos dereitos do home. É un crime explota-lo patriotismo para o odio, e é un crime, en fin, facer da espada o deus moderno, namentres que o saber humano traballa para que se vexa a verdade e a xustiza.

Esta verdade, esta xustiza, que quixemos tan apaixonadamente, que miseria velas así desprezadas, descoñecidas, escurecidas. Imaxino cantas cousas se derrubaron na alma do Sr. Scheurer-Kestner, e penso que acabará por experimentar un remordemento, o de non ter actuado revolucionariamente, o día da interpelación no senado, abandonando todo para botar todo abaixo. El foi o grande home honrado, o home da vida leal, el creu que a verdade se chegaba a si mesma, sobre todo cando aparecía brillante coma o pleno día. ¿Para qué cambiar todo cando pronto ía luci-lo sol? Precisamente por esta serenidade confiada foi castigado cruelmente. O mesmo para o tenente coronel Picquart, que por un sentimento de alta dignidade, non quixo publica-las cartas do xeneral Gonse. Estes escrúpulos hónrano, sobre todo porque, namentres se mantiña respectuoso coa disciplina, os seus superiores enchíano de lama, instruían eles mesmos o seu proceso da forma máis inesperada e aldraxante. Hai dúas víctimas, dúas boas persoas, dous corazóns simples, que deixaron facer a Deus namentres actuaba o demo. E no que se refire ó tenente coronel Picquart puidemos ver algo innobre: un tribunal francés, despois de deixar ó poñente atacar publicamente a unha testemuña, acusala de tódalas culpas, decretou xuízo a porta pechada cando esta testemuña foi chamada para explicarse e defenderse. Eu digo que isto é un crime máis e que este crime levantará a conciencia de todos. Está claro que os tribunais franceses teñen unha particular idea da xustiza.

Esta é pois a verdade simple, señor Presidente, é terrible, é vai ser unha chata para a súa presidencia. Ben sei que vostede non ten poder neste caso, que vostede é prisioneiro da Constitución, e dos que o rodean. Pero, vostede non deixa de de ter un deber de home, no que debe pensar e que debe cumprir. Non é tampouco, en absoluto, que eu non teña esperanza no triunfo. Vólvoo a dicir cunha certeza máis vehemente: a verdade está en camiño e nada a vai parar. É hoxe cando comeza o caso posto que, só hoxe están as posicións claras: por unha parte os culpables que non queren que se faga a luz; e por outra os amantes de xustiza que darán a súa vida para que se faga. Xa o dixen noutro sitio e repítoo aquí: cando se soterra a verdade, esta concéntrase, colle a forza dunha explosión, que o día que estoupa fai rebentar todo con ela. Veremos se non se acaba de prepara-lo máis sonoro dos desastres.

Pero esta carta xa vai longa, señor Presidente, é tempo de concluír.

Acuso ó tenente coronel du Paty du Clam de se-lo que urdiu diabolicamente o erro xudicial, inconscientemente, querería pensalo así, e de ter defendido despois durante tres anos a súa obra nefasta coas maquinacións máis estrafalarias e más culpables.

Acuso ó xeneral Mercier de ser cómplice, cando menos por debilidade de espírito, dunha das máis máis grandes iniquidades deste século.

Acuso ó xeneral Billot de ter tido entre as más as probas certas da inocencia de Dreyfus e de afogalas, de ser culpable de crime de lesa humanidade e de lesa xustiza, cunha finalidade política e para salva-lo Estado Maior comprometido.

Acuso ó xeneral Boisdeffre e ó xeneral Gonse de complicidade no mesmo crime, un, sen dubida, por paixón clerical, e o outro por este espírito de corpo que fixo da sección da guerra unha arca santa, inatacable.

Acuso ó xeneral le Pellieux e ó comandante Ravary de facer unha investigación perversa, e entendo por iso unha investigación da más monstruosa parcialidade, e que, vendo o informe do segundo deles, constitúe un monumento imperecedoiro de inxenua audacia.

Acuso ós tres expertos calígrafos, os señores Belhome, Varinard e Couard, de facer informes mentiráns e fraudulentos, salvo que un exame médico os declare enfermos da vista ou do xuízo.

Acuso á sección da guerra de promover na prensa unha campaña abominable para confundir á opinión pública e tapa-la súa propia culpa.

Acuso en fin ó primeiro consello de guerra de viola-lo dereito, condenando un acusado mediante unha proba secreta, e acuso ó segundo consello de guerra de cubrir esta ilegalidade, seguindo ordes, e de cometer pola súa parte o crime xurídico de absolver a un culpable.

Facendo estas acusacións, ben sei que me arrisco a infrinxi-los artigos 30 e 31 da lei de prensa do 29 de xullo do 1881, que castiga os delictos de difamación. Expóñome a iso voluntariamente.

E canto ás persoas que acuso, non as coñezo, non as vin nunca, non teño contra elas ningunha teima nin odio. Non son para min máis ca entidades, espíritos de maldade social. O acto que agora realizo non é máis ca un medio revolucionario de provoca-la explosión da verdade e da xustiza.

Só teño unha paixón, a da luz, no nome da humanidade que tanto sufriu e que ten de dereito á felicidade. A miña protesta acendida non é maís e o berro da miña alma. Que me leven á Audiencia e que a investigación se faga á luz do día.

http://pt.wikipedia.org/wiki/J'accuse

Sem comentários: