terça-feira, fevereiro 13, 2007

Exemplo de transparencia


O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo fai público o seu patrimonio persoal e comprométese a volver a facelo dentro de catro anos, cando remate o mandato.

Xosé Anxo Laxe comprométese a facer públicos de novo os seus bens dentro de catro anos, cando remate o mandato, para que os lugueses comproben que o seu único interese foi servir aos veciños.

A súa declaración de bens remóntase a 1997, ano no que entrou no Concello, e chega ata a actualidade. Está colgada nesta páxina web para que a poidan consultar todos os cidadáns que o desexen.

Xosé Anxo Laxe pretende deste xeito facer unha unha “aposta pola transparencia e a honestidade” como bandeiras da política “aberta á cidadanía” que practicará o BNG.


O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Laxe, fixo público hoxe o seu patrimonio persoal nunha declaración de bens que será pública e que está xa colgada nesta páxina web, a súa páxina web oficial, para que a poidan consultar todos os cidadáns. Xosé Anxo Laxe decide deste xeito “facer unha aposta pola transparencia e a honestidade como bandeiras da política do Bloque Nacionalista Galego”.

Xosé Anxo Laxe compareceu en rolda de prensa acompañado da coordenadora da campaña do BNG, Paz Abraira. Decidiuse a dar este "paso adiante" porque pensa que o seu é un xesto aconsellable en política que garante o control por parte dos cidadáns la actuación dos políticos. O candidato nacionalista non agarda que ninguén o imite pero aclara que "está claro que agora xa non todos somos iguais".

O candidato nacionalista pretende “total claridade” e busca “rachar as dúbidas e as desconfianzas que moitas veces os cidadáns teñen sobre os políticos”. Xosé Anxo Laxe cumpre 10 anos como concelleiro, pois entrou como representante do BNG no Concello de Lugo no ano 1997. De 1999 a 2003, durante o goberno de coalición entre o BNG e o PSOE, foi ademais Concelleiro de Transporte. "Sigo tendo a mesma casa e o mesmo coche que fai dez anos; non teño nada que agochar, nin da miña etapa no Goberno nin da miña etapa na oposición”, asegura.

Así, o agora candidato do BNG á alcaldía non se limita na súa declaración de bens a facer público o seu patrimonio actual, senón que tamén da os datos do seu patrimonio no ano 1997, antes de entrar como concelleiro, e os da súa etapa no goberno. Xosé Anxo Laxe busca con esta iniciativa un obxectivo: “que a política se abra á cidadanía e que a cidadanía controle aos políticos, que para iso non son máis que os seus representantes”.

O Programa do BNG será o programa dos cidadánsSeguindo nesta mesma liña, Xosé Anxo Laxe xa avanza que “o Programa do BNG será o programa dos cidadáns de Lugo”. Para iso, o candidato do BNG está a celebrar xa dende o mes de novembro unha rolda de encontros con distintos colectivos sociais, económicos e culturais da cidade. Laxe considera “moi positiva” esta rolda de encontros, dos que xa se teñen celebrado máis de 30 e que proseguirán esta semana cun encontro con hosteleiros este xoves, día 25, ao que tamén asistirá o director xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Rubén Lois, e cun encontro con empresarios o venres 26 e ao que acudirá o conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Xosé Anxo Laxe valora a “boa acollida” que están a ter na cidadanía estes encontros, “con moi alta participación” e pensados para a recolla de propostas para o Programa de Goberno do BNG, que insiste o candidato nacionalista “integrará moitas destas achegas”.

Por último, o candidato nacionalista animou a todos os cidadáns de Lugo a enviarlle as súas suxerencias e propostas para o programa electoral a través da súa páxina web www.xoseanxolaxe.com.

Sem comentários: