terça-feira, fevereiro 06, 2007

A experiencia galega en Nairobi

A NOSA TERRA

Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Xabier Macías, Paz López Facal, Xabier Paz e Xosé Lois Vázquez formaron parte da delegación galega presente no Foro Social Mundial. Todos eles compartiron experiencia coa nobel queniana Wangari Maathai.No desenvolvemento do Foro Social Mundial, que tivo lugar en Nairobi (Kenia) dende o 20 ao 25 de xaneiro, Xosé Manuel Beiras representou o BNG. A Fundación Galiza Sempre, da que é presidente Beiras, tamén estivo representada polo seu secretario, Xabier Macías. Pola súa conta, tamén asistiron ás reunións do foro Camilo Nogueira, Paz López Facal, Xabier Paz e Xosé Lois Vázquez.

Tanto Beiras como Nogueira, ao seren consultados por A Nosa Terra, salientaron a importancia de que, dende hai varios anos, os galegos estean a participar nestes importantes encontros internacionais nos que se ven tratando de estabelecer enlaces coas instancias políticas para ver de romper diques entre a cidadanía e os aparatos dos Estado e dos partidos políticos convencionais, tratando de pasar dos debates á elaboración de alternativas máis globais.

Nogueira, que no seu tempo de eurodeputado foi un importante impulsor desta participación galega nos foros sociais, volveu de Nairobi convencido de que “África é un continente con gravísimos problemas, pero no que está medrando moito a súa conciencia sobre a importancia da súa marxinación”. Segundo nos dixo, “nunha das sesións inaugurais, unha muller dixo que a humanidade nacera en África e que era África a que tiña que cambiar a humanidade polos seus valores de relación social, etc.”.

Pola súa parte, Beiras salientou os moitos contactos que puideron manter os participantes galegos no foro deste ano a través de debates sobre diversas temáticas que comprenderon, entre outras, a paz mundial, os conflitos no planeta, os problemas das economías de periferia, o terceiro mundo, a auga, a saúde, os recursos, os problemas dos ecosistemas e o medio ambiente, as agriculturas tradicionais, etc.

En particular, Beiras regresou moi impresionado polos contactos mantidos coa galardoada co premio Nobel da Paz 2004, a queniana Wangari Maathai, primeira muller da África central e Oriental que se doutorou en Bioloxía e que actualmente exerce o cargo de viceministra de Medio Ambiente do goberno de Kenia. Maathai foi profesora de Bioloxía en varias universidades europeas antes de pasar a selo na Universidade de Nairobi, loitou polos dereitos civís, estivo presa varias veces e foi unha das personalidades que impulsaron a alternativa plural que actualmente goberna o seu país. Precisamente, os galegos que estiveron en Nairobi tiveron a ocasión de visitar varios lugares nos que Maathai está promovendo o desenvolvemento dun plano destinado a combater a deforestación facéndolle fronte á forestación con especies de fóra do país que foi levado a cabo con piñeiros no norte do país e con eucaliptos no sur. “Como se estivésemos na Galiza”, díxonos Beiras.

A través dun plano chamado Green Belt (cinto verde), en Kenia estase practicando unha reforestación con especies autóctonas coa participación protagonista das comunidades paisanas que levan a cabo plantacións en terreos do Estado traballando de forma gratuíta. Esta rede está agora mesmo estendéndose a outros países africanos mediante o que Maathai chama empowerment da sociedade paisana africana. A Nobel queniana mostrou interese en visitar algunha vez Galiza logo de ser informada dos problemas forestais que aquí temos.

Sem comentários: