quarta-feira, fevereiro 14, 2007

África necesita médicos e os poucos que teñen vanse.

Umoya.

África necesita médicos e os poucos que ten vanse. Ata 23.000 profesionais sanitarios abandonan anualmente o continente para nutrir hospitais do Reino Unido, Estados Unidos, Nova Zelandia ou Australia. Unha sangría que agudiza a crise dos sistemas sanitarios do continente que, se xa eran fráxiles fai unha década, agora enfróntanse ademais á pandemia da SIDA. A Organización Mundial da Saúde (OMS) calcula que no continente faltan un millón de médicos. Esta situación ameaza ademais con dar ao traste cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

"Se África continúa desangrándose de persoal, non só non conseguiremos os Obxectivos do Milenio, senón que os nosos sistemas de saúde paralizaranse", explica Eric Buch, conselleiro para asuntos de Saúde do NEPAD (siglas en inglés de Nova Asociación para o Desenvolvemento en África, unha iniciativa dos Estados na súa loita contra a pobreza). A evolución foi meteórica: na década dos setenta, os médicos emigraban a razón de 2.000 por ano. Nos oitenta, xa eran 8.000 por ano e agora son uns 23.000, segundo a OMS. Hai máis doutores etíopes en Chicago que en Etiopía. Máis profesionais de Ghana traballando no estranxeiro que no seu país. O 70% dos médicos graduados en Cimbabue nos noventa marcháronse. Só entre 2000 e 2004, 4.000 médicos surafricanos emigraron, segundo a Organización de Médicos Surafricanos.

A escasa remuneración non é a única razón que explica o éxodo. A falta de recursos nos hospitais, as escasas posibilidades de promoción ou especialización e a sobrecarga de traballo causada pola SIDA súmanse a unhas moi activas políticas de contratación por parte dos países desenvolvidos. Xa en 1997, o entón presidente surafricano, Nelson Mandela, reprochaba tal conduta ao Reino Unido. Tralas súas palabras, os británicos adoptaron un código ético para evitar a contratación en países africanos. "Non é efectivo. Os hospitais privados seguen contratando. E continuarán. Reino Unido necesitará nos próximos anos 200.000 profesionais e EE.UU, un millón", explica Regina Keith, consultora de saúde para a ONG Save The Children UK.

O envellecemento da poboación occidental e dos propios profesionais da saúde, máis unha política inadecuada para a formación de persoal propio, xerou unha demanda nos países ricos que atopa oferta nos países pobres. Os países da Commonwealth sumáronse á redacción dun código ético e o comisionado europeo para o Desenvolvemento, Louis Michel, presentou a finais de 2005 unha estratexia para a axuda aos países afectados. Pero non é suficiente, segundo Keith: "África necesita un plan Marshall", di. "Trata, Educa, Retén"

O 64% da poboación afectada polo VIH-SIDA está en África. A atención pública mundial á enfermidade supuxo que creza o investimento en prevención e medicamentos. "Agora que por fin pódense administrar medicinas, non hai persoal para facelo", lamenta Keith. A situación levou á OMS a adoptar o pasado ano a campaña "Trata, Educa, Retén" para, por unha banda, especializar a un maior número de traballadores en VIH-SIDA e, por outro, fortalecer os sistemas de saúde nacionais e axudar a uns 60 países a deseñar estratexias para reter aos traballadores e facer a emigración menos tentadora. Isto custará ata 11.000 millóns de euros nos próximos cinco anos (do 2% ao 5% do orzamento de saúde dos países afectados).

De acordo con Eric Buch, é básico impulsar unha contratación máis rápida e unha mellora salarial: "Hai médicos que gañan 150 euros ao mes". Segundo o conselleiro tamén é necesario fomentar a formación continua e a especialización e dotar aos hospitais dos recursos necesarios. "Se ves a unha muller morrer de parto porque non tes con que facer unha cesárea, non volves traballar", afirma. Buch apunta a necesidade de ampliar escolas de enfermería e facultades de Medicina, "ou utilizar as que hai para conseguir máis graduados". Sudáfrica, entre outros, deseñou un plan para frear o éxodo. "A nosa intención é minimizar esa saída ao mellorar as súas condicións laborais", di o subdirector xeral de recursos humanos do Departamento de Sanidade, Percy Mahlathi, "con mellora de salarios, provisión de tecnoloxía adecuada, ou facilidade de aloxamento en áreas rurais". Mahlathi considera que o código de conduta asinado pola Commonwealth "axudou", aínda que as axencias privadas seguen contratando: "Non podemos impedirlles o dereito a buscar traballo noutros países". O conselleiro do NEPAD non cre que os países receptores de médicos e enfermeiros deban compensar aos de orixe pola formación recibida. "O diñeiro da formación é só iso, diñeiro", mantén, "pero a perda de persoal aumenta os niveis de mortalidade e estanca o crecemento económico do país". Para el, os países desenvolvidos deberían xerar os seus propios profesionais e contribuír á educación de máis profesionais en África. O Reino Unido acaba de decidir o aumento do investimento no ensino médico mentres proporciona axuda a Malawi para formación, pero EE.UU non se modifican as políticas de captación de estranxeiros.

A crise da falta de recursos humanos, pese ás súas consecuencias, non é da que máis se fala en países e organizacións donantes de diñeiro, máis preocupados por destinar fondos á loita contra a SIDA ou tuberculoses que aos orzamentos de Sanidade africanos. A Comisión por África calculou en 4.000 millóns de euros os que se necesitarán a partir de 2007 e en 6.000 cada ano desde 2010 para paliar os efectos da falta de persoal no continente. O certo é que os países africanos desoíron o seu propio compromiso de 2001 para destinar o 15% do seu orzamento a Sanidade.
"Algúns o cumpren e outros achéganse, pero o incumprimento lanza unha mensaxe erróneo ao mundo", recoñece Buch. Para el, esta cifra non sería suficiente para chegar aos Obxectivos do Milenio -reducir a mortalidade infantil e maternal ou deter o VIH-SIDA, entre outros- e considera que o investimento foráneo que África necesita para poñer en marcha servizos de saúde básicos é de 30.000 millóns de dólares ao ano. "Ou ben se poñen os fondos", sostén, "ou cambiamos os Obxectivos do Milenio".

Americanos en Hespaña.

Os estranxeiros fan máis gardas e cobran menos. Esa é unha das realidades do sistema sanitario español, onde cada ano crece a presenza de médicos e sanitarios que proveñen, sobre todo, de América Latina. O Ministerio de Educación concedeu o último ano 2.223 revalidacións de títulos de Medicina ou Medicina e Cirurxía a estranxeiros. A proporción é dun médico de fóra por cada dous formados en universidades hespañolas. Como para exercer en Hespaña é tamén necesario realizar o curso da especialidade -os médicos internos residentes, coñecidos como MIR-, os estranxeiros topábanse antes con este escollo. Ata que, por vez primeira, o pasado curso non se cubriron as 5.897 prazas convocadas. No último ano, 668 arxentinos, 344 venezolanos.

Sem comentários: