quarta-feira, fevereiro 21, 2007

O BNG abre un expediente a un militante por apoiar a Israel


GÓMEZ-VALADÉS É O PRESIDENTE DE AGAI, UNHA ASOCIACIÓN PROISRAELÍ

O Consello Comarcal de Vigo propuxo expulsalo do Bloque por liderar un colectivo "imperialista" contrario ao ideario do partido.

P. Mera.A Coruña

O Consello Comarcal do BNG de Vigo, celebrado o pasado oito de febreiro, acordou por maioría abrir un expediente a un militante e membro dese Consello, Pedro Gómez-Valadés, por presidir unha asociación de apoio a Israel. A razón desta medida, aprobada cos votos dos membros da UPG, é que a Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI), constituida en decembro do ano pasado e presidida desde entón por Valadés, é unha organización "imperialista" e, polo tanto, contraria ao "ideario" do Bloque. Cando menos, iso foi o que argumentaron os dirixentes comarcais que propuxeron abrir un expediente, retirarlle a militancia e expulsar do partido ao seu compañeiro, responsable da área de Cultura e Lingua da executiva nacionalista na comarca viguesa.

Esta proposta, presentada polo líder do BNG en Redondela e concelleiro de Medio Ambiente neste municipio pontevedrés, Carlos Pazos, foi aprobada por algo máis da metade dos votos dos case 30 membros do Consello Comarcal presentes na sesión do día 8. Sen embargo, nunha segunda votación, acordouse tamén resolver a tramitación do expediente e do proceso de expulsión do partido na próxima reunión don Consello, prevista para dentro duns 20 días, e darlle así a Valadés un prazo "para abandoar a asociación AGAI e pedir desculpas".

A responsable comarcal do BNG de Vigo, Manuela Rodríguez, subliñou onte que aínda non se ten adoptado ningunha decisión firme sobre o expediente a Valadés, a falta da próxima reunión da diretiva comarcal, e negou que exista "persecución" algunha contra el. Sen embargo, Rodríguez dixo a Europa Press que algunhas das declaracións que Gómez-Valadés realizou como presidente de AGAI -unha asociación con máis de cen socios, entre eles membros de BNG, PSdeG e PP- "son contrarias" ao que publicamente defende o BNG. "O Goberno de Israel aposta por prácticas imperialistas e declarar o contrario é incompatible cos principios nacionalistas", indicou.

http://www.laopinioncoruna.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=92486&pIdSeccion=4&pNumEjemplar=2311

Sem comentários: