terça-feira, fevereiro 06, 2007

O BNG ANIMA AO GOBERNO A PERSEVERAR NA MELLORA DA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA E DI QUE O PP “CRITICA PARA FACER NEGOCIO COA SANIDADE PRIVADA”

Carlos Aymerich lembra as propostas aportadas polo nacionalismo para rematar coa saturación das urxencias sanitarias

Santiago de Compostela, 6 Febreiro 07.- O portavoz de Sanidade do grupo parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, animou esta mañá á Conselleira de Sanidade na súa comparecencia na Comisión Quinta do Parlamento a “perseverar” nas liñas de traballo anunciadas hoxe e lembrou algunhas das suxestións que o nacionalismo xa fixera a través dunha proposición non de lei.

O parlamentar nacionalista que felicitou á titular por comparecer na primeira sesión da Comisión de Sanidade e “dar contas” e saudou que recoñecera que “dentro dese compromiso co servizo sanitario público hai moitísimo que andar porque, en primeiro lugar, a situación herdada non era boa”.

Nesta liña, Aymerich puxo algúns exemplos e describíu servizos como o das urxencias pediátricas na Coruña cunhas condicións de espera “non demasiado acolledoras” e subliñou tamén que moitos dos problemas de Atención Primaria poden solucionarse a través das mesas de traballo xa existentes.

Tamén loubou o deputado a iniciativa do novo volante médico no que xa se inclúen as solicitudes de probas necesarias para tratar ao paciente mais pedíu que “se poña en marcha canto antes”.

O portavoz de Sanidade do grupo parlamentar nacionalista asegurou que “os obxectivos que perseguiamos coa proposición non de lei que apresentamos están plenamente satisfeitos con esta comparecencia”.

Carlos Aymerich puntualizou asemade que o BNG fixo unha serie de propostas de impulso á Consellaría “para mellorar o servizo público”, mentres que “outros critican para facer negocio coa sanidade privada”.

O deputado do Bloque denunciou a actitude do PP que “se empeña en crear alarma. Eles saberán a quen beneficia esa alarma”, xa que, tal e como lembrou, “nunca apostaron pola sanidade pública”.

Aumento de capacidade de Atención Primaria

O parlamentar nacionalista falou de algunhas do BNG que foron recollidas pola Consellaría como o aumento de capacidade resolutiva da Atención Primaria, para liberar as urxencias.

Nesta liña, o deputado mencionou propostas como a de a posta en marcha dunha campaña de información á cidadanía para utilizar correctamente os servizos sanitarios e lembrou que os pacientes “nunca serán culpábeis do mal uso dos recursos”.

“É a nosa obriga non defraudar á cidadanía que demandou o cambio”, rematou Aymerich.

Sem comentários: