terça-feira, fevereiro 06, 2007

O BNG APOIA NO CONGRESO A REFORMA DO ESTATUTO DE CANARIAS PORQUE DÁ UN PASO ADIANTE NO AUTOGOBERNO “E SEN OBSESIÓNS POLA UNIDADE DE ESPAÑA”

Rodríguez salienta que “curiosamente o PP négalle apoios a este texto estatutario porque non se usa como arma arroxadiza contra outros pobos ou nacións”

Madrid, 6 Febreiro 07. O BNG respaldou no Pleno do Congreso dos Deputados a reforma do Estatuto de Autonomía de Canarias que hoxe se debate na Cámara Baixa. Francisco Rodríguez dixo que “o BNG non ten nada que opór a un texto estatutario que intenta dar un paso adiante no Autogoberno de xeito construtivo, e sen obsesións pola unidade de España, tal e como a concibe o PP”.

Na súa intervención perante o Pleno, o portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, afirmou que este texto resposta ás demandas que as institucións representativas do pobo canario, o Parlamento, asumen como necesarias. “É un Estatuto feito desde a perspectiva dos intereses internos do propio pais, e polo tanto, merece o noso respaldo”.

O parlamentar nacionalista sinalou que pese ás súas limitacións políticas e competenciais, e a moitos aspeitos ambiguos, “hai unha intención de cohesión como único pobo por enriba da súa división insular”, e salientou a reivindicación da xestión competencial de infraestruturas estatais como os portos e aeroportos, da xestión do salvamento marítimo, do dominio público marítimo terrestre, das comunicacións e do espazo radioeléctrico, a sanidade exterior ou a participación nas relacións comerciais con paises do África occidental.

De modo moi limitado, recalcou Rodríguez, “o texto afirma que todos os poderes emanan do pobo canario e ten especial preocupación pola integración dos inmigrantes”. Neste sentido, fixo un inciso especial ao subliñar que “como inmigrantes só se pensa nos que chegan en caiucos pero desde a perspectiva galega, temos que pensar nos milleiros de galegos que emigran ás Illas Canarias”.

Críticas ao PP

Para o deputado do BNG “curiosamente o PP négalle apoios a este Estatuto porque non se utiliza como arma arroxadiza contra outros pobos ou nacións, senón que se limita a expresar as aspiracións do pobo canario dentro das limitacións da Constitución”.

Sem comentários: