quinta-feira, fevereiro 08, 2007

O BNG explica onde vai ir e como vai ser a nova ponte e acusa a Orozco de non informar aos veciños

O viaducto, en forma de arco, medirá 96 metros de longo, 24 de alto e 31 de ancho, con dous carrís en cada sentido, beirarrúas e un voladizo todo ao largo da calzada que servirá de mirador sobre o río. A ponte estará ubicada augas abaixo do restaurante O Muíño, cun enlace a través do parque Marcos Cela ata a Avenida de Magoi e cunha saída en forma de ‘y’ cara ás estradas de Santiago e de Portomarín.

O custo total da infraestrutura ascende a 14,7 millóns de euros, case o dobre do comprometido polo Ministerio de Fomento nos Orzamentos Xerais do Estado ata o ano 2010
.

“O que non fixo o candidato Orozco, informar aos veciños, vaino facer hoxe o Bloque”. Así comezou o voceiro municipal do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Laxe, a súa comparecencia desta mañá, na que, acompañado pola responsable local do BNG, Paz Abraira, revelou con todo detalle datos precisos da futura ponte sobre o río Miño. O Bloque Nacionalista Galego fixo pública cal vai ser a ubicación, así como cal é o deseño escollido para o viaducto, o seu custo e os materiais que se empregarán. O voceiro nacionalista explicou que o Goberno local do PSOE ten coñecemento dende hai tres meses desta información, que ocultou aos grupos da oposición e aos cidadáns de Lugo.

Os datos revelados hoxe polo BNG figuran no documento de estudo informativo elaborado pola UTE formada polas empresas Tipologías Estructurales e Arenas y Asociados por un importe de 172.000 euros e que foi xa enviado ao Ministerio de Medio Ambiente, que está avaliando a posibilidade de evitar someter a estudo de impacto ambiental a nova ponte, e remitiu a consultas o estudo informativo a organismos como o Concello de Lugo, a Confederación Hidrográfica do Miño e varias Consellerías da Xunta de Galicia para que emitan a súa opinión no prazo dun mes.
O estudo informativo estuda oito alternativas de ubicación e distintas variantes para os viais de acceso no entorno comprendido entre a ponte romana e a pasarela do Miño. Finalmente decántase por ubicala augas abaixo do restaurante O Muiño, á altura do aparcadoiro, e abrir unha nova vía de acceso paralela á rúa Acea de Olga que atravesaría o parque Marcos Cela, a través dunha pendente do 8%, para desembocar na Avenida de Magoi, á altura do cruce coa rúa Madanela, onde iría unha rotonda. Os enlaces coa N-VI produciríanse a distinto nivel a través dunha rotonda elevada por debaixo da que circulará a N-VI. Para permitir esta posibilidade, a ponte desenbocará a un nivel duns 12 metros por riba do nivel da N-VI. Do outro lado do río, construiráse un viaducto de acceso á ponte de 141 metros de longo sobre pilastras de 10 metros de alto para permitir a permeabilidade da ribeira. O enlace coas estradas de Santiago e de Portomarín produciráse a través dunha solución en ‘y’ con dúas rotondas, unha na estrada vella de Santiago á altura do cruce do Polusa e outra na estrada de Portomarín á altura do desvío a Piúgos.

O deseño proposto foi escollido entre catro alternativas e terá forma de arco elevado, que permite salvar o río sen apoios no seu cauce, tal como obriga o Plan de Protección do Miño (PEPRIM). A nova ponte terá 96 metros de longo, 24 de alto e 31 metros de ancho, con dous carrís para cada sentido, beirarrúas de 2,8 metros e un voladizo metálico sobre o río de 3,5 metros de ancho ao longo da ponte polos dous lados e que servirá de mirador sobre o Miño.

O custo previsto increméntase considerablemente

A nova ponte, coa ubicación e o deseño escollidos, custará 14,7 millóns de euros, unha contía que prácticamente duplica a cantidade que ten comprometida o Ministerio de Fomento para a nova ponte de Lugo. De feito, segundo figura nos Orzamentos Xerais do Estado deste mesmo ano, o Goberno central prevé gastar só 7,9 millóns, repartidos en catro anualidades ata o ano 2010.

A esta circunstancia referiuse o voceiro municipal do BNG, Xosé Anxo Laxe, que afirmou que “haberá que renegociar co Ministerio de Fomento a súa aportación, que deberá incrementarse considerablemente”, dixo. Laxe xa anunciou que o BNG fará xestións en Madrid, a través do seu voceiro no Congreso, Francisco Rodríguez, para que esta falta de orzamento non implique un retraso na infraestrutura, e a nova ponte se poida facer nos prazos que estaban previstos, o ano 2010.

Utilización electoral por parte “do candidato Orozco”

O voceiro municipal do BNG, Xosé Anxo Laxe, explicou que o alcalde de Lugo coñece dende hai tres meses o proxecto da nova ponte e acusouno de “ocultar esta información aos cidadáns de Lugo”. Laxe afirmou que “o candidato Orozco pretendía utilizar a ponte como reclamo electoral, presentándoa a bombo e platillo un mes antes das eleccións, sen importarlle que os veciños do barrio da Ponte, da Acea de Olga, da Avenida de Magoi, de Piugos…, en definitiva, os veciños de Lugo, teñen dereito a saber por onde vai ir e como vai ser”, recalcou.

Explicou que o Bloque Nacionalista Galego solicitou ata en tres ocasións que se informase aos grupos políticos e á cidadanía de Lugo das diferentes propostas para a ponte e da opción escollida, sen que Orozco accedese en ningún momento. A primeira vez que o Bloque pediu que se facilitase esta información foi o pasado 16 de novembro; volveu solicitalo na reunión do Consello Económico e Social de finais de novembro; e por última vez na Xunta de Voceiros do mes de decembro. En ningunha destas tres ocasións o alcalde facilitou a información.

Sem comentários: