quinta-feira, fevereiro 22, 2007

O BNG LOGRA QUE A LEI ESTATAL DO SOLO CONTEMPLE AS SINGULARIDADES DE GALIZA AO RECOÑECER O SOLO DE NÚCLEO RURAL

Os nacionalistas galegos logran que a lei recoñeza e se adapte ás peculiaridades dos asentamentos de poboación en Galiza e que se respeiten as competencias da Comunidade Autónoma


O BNG ven de lograr que a Lei Estatal do Solo recoñeza as singularidades de Galiza ao conseguir introducir no proxecto de Lei unha disposición adicional na que se recolle o solo de núcleo rural como unha clase de solo específica de Galiza e unha emenda para que a lexislación estatal respeite e sexa compatíbel coas competencias das Comunidades Autónomas nesta materia.

En concreto, os nacionalistas galegos conseguiron transaccionar co PSOE unha disposición adicional pola que se a Lei do Solo contempla o “recoñecemento e adaptación da Lei ás peculiaridades dos asentamentos en Galiza”.

A este respeito, o solo de núcleo rural, recollido na vixente lexislación urbanística galega como unha clase de solo específica de Galiza, terá a consideración e equivalerá ao solo urbano no que concerne á lexislación estatal que se lle aplique.

En segundo lugar, esta disposición adicional introducida polo BNG establece que, “dadas as peculiaridades do asentamento poboacional en Galiza, entenderase que nesa Comunidade Autónoma e aos efectos desta lei, os solos aos que lles se de aplicación o réxime de solo urbano consolidado ou o réxime proprio do solo de núcleo rural, se encontren incluídos ou equiparados á situación básica do solo urbanizado, definida no artigo 12, con excepción daqueles solos incluídos en polígonos ou ámbitos de execución sistemática suxeitos a procesos de equidistribución”.

Ademais, o BNG conseguiu que a Lei Estatal recoñeza e respeite a ordenación e a clasificación urbanística que establezan as Comunidades Autónomas en exercicio das súas competencias na materia e atendendo ás súas peculiaridades socioeconómicas.

Francisco Rodríguez xustifica a inclusión desta emenda na necesidade de a Lei Estatal non cree problemas de coexistencia ou disfuncións coa lexislación urbanística galega, que si recoñece as peculiares formas de asentamento de poboación en Galiza.

Sem comentários: