domingo, fevereiro 25, 2007

O BUQUE FANTASMA

Durante os pasados días poidemos asistir espectantes, ao tempo que sorprendidos, ao paseo dun novo buque contaminante polas costas galegas, é dicir, de norde a sur, de sur a norde, de leste a oeste e de oeste a leste. Non é a primeira vez que acontece nas nosas costas un espectáculo semellante. Coido que ningún dos habitantes diste País pode comprender ista maldición bíblica que nos persigue ás galegas e aos galegos; con efeito, non pasa moito tempo entre un e outro paseo de barco no que se pon de manifesto a falta de capacidade das autoridades competentes (niste caso, máis ben incompetentes), para poder resolver con eficacia os múltiples casos de barcos que fican á deriva xa sexa de xeito voluntario ou involuntario.

No caso que agora nos ocupa, o barco en cuestión tivo que ser manexado de arriba a abaixo frente ás costas galegas até que, por fin, se atopou unha solución para intentar evitar unha nova catástrofe nas nosas costas. Naturalmente, o sempieterno dilema técnico de abeirar o barco nalgunha das rías ou portos do noso País ou deixalo fora da liña de costa para tratar de reparalo in situ, volveu plantexarse. Descoñezo, por non ser técnico na materia, cal pode ser a millor solución, pero como cidadán, entendo que non somos merecentes de sufrir a inquedanza de qué vai acontecer cada vez que un barco ten algún problema de maior ou menor dimensión frente ás costas galegas.

Comprendo á perfección a posición dos representantes dos cidadáns que habitan nos concellos máis cercanos ao lugar no que en cada momento se atope o barco siniestrado. É evidente que ninguén ten gañas de carregar cas consecuencias dun problema do que non é responsábel. Agora ben, o que non podo comprender é isa falta de actividade da Administración de turno que non é capaz de resolver o problema de xeito áxil para evitar a desazón dos cidadáns atemorizados.
Eiquí debemos referirnos á falta de competenzas que ten a Xunta de Galiza a respeito da seguranza e salvamento marítimos. Non é de recibo que unha competenza como isa, que precisa dunha atención áxil e eficaz, resida a seiscentos quilómetros de distancia do lugar no que debe emprestarse isa atención ca maior celeridade. Niste sentido, sería de agradecer un rápido traspaso de competenzas, ca dotación orzamentaria correspondente, que atribuira á administración pública galega (Xunta de Galiza) as competenzas na citada materia de seguranza e salvamento marítimos. O encaixe estatutario non sería caroso e, polo contrario, trataríase dunha medida que sería comprendida pola cidadanía de xeito natural e que, ademáis, debería render un excelente servizo aos cidadáns debido a un maior e máis prósimo coñecemento tanto dos lugares idóneos nos que poda darse abeiro, na nosa costa, aos buques que o precisen, canto polo coñecemento que do noso mar poden ter as persoas que, desde eiquí, dirixan as operacións correspondentes.

En definitva, parece de sentido común que se articule un novo sistema de prevención na seguranza e salvamento marítimos nas costas galegas esí como un dispositivo de intervención de maior celeridade e con tomas de decisión acertadas e certeiras, para evitar o desacougo e inquedanza que cada vez que vemos un barco no horizonte nos ven á ialma e ao cor.

http://www.blogoteca.com/alberterfeixoo/index.php?cod=10255

Sem comentários: