terça-feira, fevereiro 06, 2007

O GOBERNO ADMITE, EN RESPOSTA AO BNG, UNHA GRAVE DISFUNCIÓN ENTRE A REALIDADE LABORAL DO ACOSO SEXUAL E OS DATOS QUE REXISTRA A ADMINISTRACIÓN

Traballo só rexistrou dez denuncias por acoso sexual en tres anos, dos que só foi condenado un dos acusados

Santiago de Compostela, 6 Febreiro 07.- A deputada do BNG Ana Pontón vén de formular na Comisión Quinta do Parlamento unha pergunta oral sobre o número de casos de acoso sexual no traballo que se rexistran en Galiza e a avaliación que a Consellaría de Traballo fai deles.

A parlamentar nacionalista subliñou que as denuncias de acoso sexual “son pouco significativas cuantitativamente” e, tal e como explicou, isto implica que existen “problemas e dificuldades que seguen a impedir que se denuncien este tipo de comportamentos, como os prexuízos, problemas para demostrar os feitos ou as condicións laborais que viven esas mulleres, subordinadas e precarizadas”.

“Faltan mecanismos para detectar o acoso”, denunciou Pontón, ao tempo que reclamou tamén medidas “eficaces que nos permitan previr este fenómeno”.

A directora xeral de Relación Laborais, Pilar Cancela, admitíu, pola súa banda, a complexidade desta situación que fai que nos últimos tres anos tan só haxa constancia de dez denuncias por acoso no traballo, das que tan só unha acabou cunha condena.

Estas dez mulleres que denunciaron a súa situación supoñen, tal e como subliñou a directora xeral, unha cifra moi baixa que hai “unha disfunción entre a realidade e o coñecemento que ten a autoridade destes feitos”, polos motivos que xa sinalara Ana Pontón.

Actuación da inspeción de traballo

Cancela recoñeceu as dificultades para actuar da inspeción de traballo, entre outros motivos, pola súa escaseza de medios humans e asegurou que ésta é unha “débeda pendente que ten a autoridade laboral”.

A parlamentar nacionalista cualificou estes datos de “desalentadores” e pedíu que o mundo empresarial “tome cartas no asunto” polo que cualificou de “moi importante o labor que se fai dende a negociación colectiva e a concertación”.

“Só o 1,6% das mulleres que sufren acoso acuden a denuncialo a organismos institucionais”, insistíu Pontón, “e isto debe levarnos a actuar de xeito áxil”.

Na mesma liña manifestouse a directora xeral que desvelou que tan só 57 dos 689 convenios colectivos asinados no ano 2005 incluían no seu articulado cláusulas sobre o acoso sexual “que son cláusulas tipo que conceptuan as situacións que poden calificarse como moi graves, pero que tampouco van máis alá”.

Sem comentários: