quarta-feira, fevereiro 28, 2007

O PARLAMENTO APROBA POR UNANIMIDADE UNHA PROPOSTA NACIONALISTA PARA CREAR UNHA MESA DE TRABALLO QUE RECUPERE A MEMORIA HISTÓRICA DAS MULLERES GALEGAS

Ana Pontón defendeu o pleno unha proposición non de lei que impulsa a promoción de liñas de investigación para rescatar o papel das mulleres na historia.

O pleno do Parlamento aprobou este serán co voto de todos os deputados a favor, unha proposición non de lei do BNG, transacionada polo PP, na que se insta a recuperar a memoria histórica das mulleres galegas.

A iniciativa, asinada por todas e elaborada pola portavoz de Igualdade, Ana Pontón, propón a creación dunha mesa de traballo que, baixo o nome de “Mulleres e Memoria”, recupere a “memoria histórica das mulleres galegas e divulgue entre o conxunto da sociedade os resultados deste traballo”.

O segundo punto da iniciativa propón a promoción de liñas de investigación que teñan como cometido rescatar e difundir o papel das femias na Galiza, sobre todo no labor desenvolvido na “defensa e reivindicación de dereitos políticos, sociais, económicos e culturais das mulleres” e o terceiro suxire a colaboración cos concellos para acadar unha maior visualización das mulleres a través dos rueiros e nomes de centros públicos.

Ana Pontón expuxo a situación que veñen padecendo as mulleres galegas, “desposuídas historicamente de poder, e, polo tanto, as súas aportacións foron devaluadas e esquecidas” nunha nación á que “se lle ten deturpado o seu pasado, negándose parte de el, ao servizo da ideoloxía españolista”.

De feito, a deputada do BNG explicou que “as poucas mulleres que se salvaron deste ocultamento foron deformadas, como Rosalía de Castro, que se nos presenta como unha muller conformista, deprimida e choromiqueira, para ocultar o carácter reivindicativo da súa vida a prol do idioma galego e os dereitos das mulleres”.

Protagonistas con nomes e apelidos

“Queremos recuperar homes e feitos asociados que explican unha parte do noso pasado”, subliñou Pontón, e puxo como exemplo sucesos como o acontecido en Noia en 1910, onde Consuelo Queiro Gómez perdeu a vida nunha protesta polos impostos abusivos.

Manuela Couso, asasinada por defender a abolición dos foros, Xoana Capdevielle, coñecida activista social que foi tamén asasinada en Rábade, ou as mulleres que sufriron prisión no réxime franquista, entre elas Isabel Ríos, Josefina García Segret ou Mercedes Núñez, vítima do campo de concentración de Ravensbruck, foron algúns dos nomes mencionados pola deputada nacionalista como exemplo do papel das mulleres na historia galega máis recente.

Todo por facer

Nesta materia, tal e como subliñou Pontón, “está case todo por facer”, e apuntou a necesidade de coñecer “cal foi a posición das galegas ante as reivindicacións a prol dos dereitos políticos e civís e como se organizaron; achegármonos ao seu papel na II República, afondar no impacto que tivo o levantamento militar nas mulleres e os seus dereitos recén adquiridos, e revisar o enfoque co que se enfrontan diferentes períodos incorporando os aportes feitos polas mulleres”.

Ana Pontón loubou a iniciativa da Consellaría de Cultura coa declaración do Ano 2006 como o Ano da Memoria e quixo tamén marcar o antes e despois marcado polo cambio de goberno neste eido.

Sem comentários: