terça-feira, fevereiro 06, 2007

PescaChile: A "débeda ecolóxica" de Pescanova á outra beira do Atlántico

DENUNCIAN AS ESTRATEXIAS "AGRESIVAS" DA EMPRESA GALEGA

VIEIROS [06/02/2007 09:00] Sobreexplotación de bancos pesqueiros locais, alteración de ecosistemas mariños, condicións laborais "pésimas", contaminación... Son algunhas das acusacións ás "agresivas" estratexias que "social e ambientalmente" desprega en Chile a empresa Pescanova. Forman parte da campaña "Non comas o mundo" organizada polo Observatorio da Débeda na Globalización, Veterinarios sen Fronteiras e a Rede de Consumo Solidario, que pretende que os consumidores desta beira do Atlántico presionen a empresas como Pescanova para que reduzan os "graves" impactos que provocan as súas "irregulares actuacións" noutros países.

PescaChile desenvolve a súa actividade nunha das rexións máis pobres do territorio chileno, e traballa no eido da pesca extractiva e no da acuicultura, neste último caso principalmente con factorías adicadas ao salmón. Segundo explican os colectivos denunciantes, os beneficios xerados polos cultivos apenas conseguiron mellora nas condicións de vida dos veciños destes lugares.

Critican as asociacións que, malia obteren importantes beneficios monetarios destas explotacións, empresas como Pescanova "ignoran a débeda social e ecolóxica que xera a súa actividade". Reparan ademais no elevado investimento conseguido de entidades públicas estatais coma COFIDES, Compañía Estatal de Financiamento ao Desenvolvemento, e advirten de que ese compromiso debera esixirlles máis rigor no control da súa actividade.

Sobreexplotación dos caladoiros

O estudo realizado polo Observatorio da Débeda na Globalización, integrado na Cátedra Unesco de Sustentabilidade da Universitat Politècnica de Catalunya, indica que a actividade iniciada por Pescanova en Chile a través da empresa PescaChile, tivo un "papel fundamental" na sobreexplotación de recursos pesqueiros detectada nas últimas décadas nas augas do país. Atribúenlle a esa actividade o impacto que levou ao "colapso e ruína" da industria pesqueira local. Citan por exemplo que desde que Pescanova chega a Chile a comezos dos 80 até a década dos 90, detectouse unha caída de capturas de pescada austral e congro, que caeron por baixo da cuarta parte do volume que aseguraban anteriormente. Ese mesmo impacto explicaría tamén a redefinición da propia actividade de PescaChile, que pasou a afondar na actividade acuícola, especialmente no mercado do salmón, convertendo en potencia mundial ao país na exportación de salmón de piscifactoría, por riba incluso de Noruega.

Piscifactorías insustentábeis

Colectivos ecoloxistas chilenos fixéronse eco nos últimos tempos do malestar entre os veciños das comunidades locais polos "case nulos plans de tratamento de residuos" nas factorías pesqueiras do sur de Chile. De xeito concreto, Veterinarios sen Fronteiras quéixase tamén do descontrol nas zonas de produción de salmón, que alén da contaminación provocada, deixou escapar millóns de salmóns destas granxas mariñas, especie que non é propia das augas chilenas e que zoupa gravemente nos ecosistemas mariños locais.

Sem comentários: