segunda-feira, fevereiro 12, 2007

Primeiro, a consulta popular

Por Bujari Ahmed, representante da Fronte Polisario diante da ONU

As Nacións Unidas consideran que a solución ao conflito do Sáhara Occidental radica en darlle ao pobo saharaui a oportunidade de decidir o seu futuro a través dun referendo de autodeterminación. Non estamos diante dun debate de corte intelectual onde caberían elucubracións de todo xénero a cargo de lobbystas ou expertos en todo e en nada, iluminados que as veces se cren en posición de poder influír na Historia e nos acontecementos, indo contra ambas cousas ao tempo.

Estamos perante dunha ocupación militar dun territorio alleo onde se xogan cousas máis serias como é o dereito á existencia e á liberdade dun pobo obxecto desa ocupación, que ten lugar a poucos quilómetros da chamada Europa democrática, diante da cal se mostra senil e feble na defensa do que proclama como esencia propia.

España, dentro desta Europa democrática, asume na cuestión saharaui unha responsabilidade particular. Contribuír de maneira honesta a que o pobo saharaui decida o seu futuro, a través dun referendo de autodeterminación organizado pola ONU, non debe crear problemas para ninguén. A opinión publica, na súa xenerosidade, o demanda.

O acordo de pesca con Marrocos, que incluíu augas saharauis, a recente venda masiva de armamento a este país, certas pegadas deixadas en Latinoamérica e en África e o voto da pasada resolución da Asemblea Xeral non fan senón ferir a esa opinión e profundar a percepción que ten o dirección saharaui sobre a moi ambigua actitude española.

Aos pobos saharaui e marroquino interésanos, antes que a ninguén, unha paz xusta e duradeira. No 1990, a actual potencia ocupante, tras dezaseis anos de combates, aceptou -e iso non é unha deshonra- o principio de autodeterminación ao asinar o Plano de Arranxo. O rei Hassan II, consciente das implicacións que se derivaban de iso, proclamou publicamente: “Se os saharauis optasen pola independencia, sería o primeiro país en abrir unha embaixada na capital que elixisen”. O seu primeiro ministro, Lamrani, repetía diante dos xefes de Estado reunidos na ONU, que “Marrocos se compromete a respectar os resultados do referendo, foren cales fosen”.
As dúas partes aceptaron así a vía apropiada -referendo de autodeterminación- e un abano de posibles solucións (en plural): independencia, integración na potencia ocupante ou autonomía, engadida por Baker no seu plano de 2003 a pedimento de Marrocos. A ONU tiña unha folla de ruta detallada para culminar a obra. Neste contexto, a solución duradeira e xusta é a filla dun referendo de autodeterminación, non a nai.

Sen embargo, o sorprendente xiro radical efectuado no ano 2004 polos novos dirixentes marroquís paralizou todo. O mozo rei podía ter optado por dicir que o referendo era un compromiso herdado do seu pai ao que non podería renunciar e que opoñerse a el mermaría a credibilidade de toda intención democratizadora.

Mal aconsellado ou simple e chamente como decisión deliberada no contexto de “canto peor, mellor”, Rabat parece optar desde entón por unha vía pechada que complica a situación por igual á ONU, ás dúas partes, á rexión e incluso aos seus padriños en París e amigos en Washington e Madrid, os cales se verán solicitados unha vez mais a elixir entre preservar as ganancias que xera a “amizade” coa monarquía marroquino e dar as costas ao resto da rexión e á propia legalidade internacional. Ser amigo dun país é aconsellábel, pero iso non debe implicar ser amigo dos seus erros. Madrid e París renunciaron á amizade co que cualificaron de “erro americano en Iraq”.

Á Fronte Polisario gustáselle iniciar negociacións directas coa potencia ocupante sobre a base da independencia saharaui. Hai precedentes históricos na rexión magrebina; pero iso complica as cousas para Marrocos e optou entón por manter o respecto ao acordo sobre o referendo de autodeterminación.

Esta racionalidade está, sen embargo, ausente na actuación do Goberno marroquino que, despois de ter mostrado pouco respecto aos seus propios compromisos, ofrece como alternativa ao referendo unha “negociación” sobre a base do recoñecemento da “marroquinidade” do Sáhara Occidental e do seu pobo. E isto é simplemente inaceptábel, e non debe ser nin sequera exposto.
O Consello de Seguridade considera que toda solución debe de ser mutuamente aceptábel e permitir a xenuína autodeterminación do pobo saharaui. A proposta marroquina non cumpre ningunha das dúas condicións. Aínda así, Rabat trata de impoñela, acudindo aos amigos e padriños permeables ao rédito da amizade. A démarche finxe ignorar que o Consello se abstivo de impor a aplicación do Plano de Arranxo e dos Acordos de Houston, que cumprían sen embargo coas dúas condicións.

A proposta non ten, pois, ningunha posibilidade de avanzar. Crendo que o alto o fogo poderá sosterse por si só e que o silencio culpábel de amigos e padriños permitiralle intensificar impunemente o represión dunha Intifada ate agora pacífica, Marrocos dá as costas á paz e refúxiase no pasado do que se mantén prisioneiro.

O tempo e as dificultades non debilitarán a determinación do pobo saharaui de chegar un día ao Aaiún libre e soberano. Chegar a Granada custoulle a España sete séculos. Os nenos saharauis, segunda xeración nada sob a ocupación, cantan, a pesar da prohibición, o himno da RASD nas escolas do Aaiún. Unha dinámica de liberación fica en marcha no Sahara occidental e ninguén poderá detela. Felipe González dicía nun recente artigo que “A experiencia permite constatar que, a partir da II Guerra Mundial, ningunha potencia consolidou unha ocupación territorial”.

Sem comentários: