quinta-feira, fevereiro 08, 2007

QUINTANA AFIRMA EN CAMBADOS QUE O NACIONALISMO REPRESENTA NOS CONCELLOS “A MODERNIDADE FRONTE A UN PASADO QUE XA TEMOS DEIXADO ATRÁS NO GOBERNO GALEGO

Víctor Caamaño Rivas, candidato á alcaldía, promete “un proxecto para a vila que valore todas as facetas da xestión política e conte cos veciños”
Cambados, 8 Febreiro 07. “En Cambados temos dúas opcións: a modernidade que representa o nacionalismo galego ou continuar aferrados a un pasado que felizmente xa temos deixado atrás no goberno galego”, afirmou Anxo Quintana na presentación do candidato do BNG á alcaldía, que tivo lugar no auditorio 'A Xuventude'. “Neste concello, o BNG aposta polo futuro, que se chama Víctor Caamaño”, afirmou o portavoz nacional.

As eleccións municipais do 2007 son unha excelente oportunidade para que os concellos se “sumen ao cambio galego”, abandonen “certas prácticas políticas proprias do século XIX” e pasen “a ocuparse dos problemas da xente”, segundo o líder nacionalista. “Galiza ten agora un goberno que aposta pola cultura, pola creación de emprego, polo dereito dos cidadáns a recibir servizos sociais, por revitalizar o medio rural, pola vivenda social”, afirmou. “A Xunta actúa en todos os concellos sen mirar a súa cor política; pero o país irá mellor se temos alcaldes que sintonicen coas nosas políticas e compartan as nosas preocupacións”, dixo o vicepresidente do goberno galego

“O nacionalismo é servir á nación, a toda a xente do país, a todos os sectores sociais que acreditan nas nosas potencialidades como sociedade. O nacionalismo é, nos concellos, máis e mellores servizos públicos, maior capacidade de control da xestión municipal por parte dos veciños e das veciñas”, engadiu Quintana.

“Cando nos concellos goberna o Bloque, o primeiro que temos en conta é que o despacho non nos pertence, senón que estamos aí para servir á cidadanía. Esa é unha das nosas diferencias co resto das forzas políticas”, concluíu.

Víctor Caamaño Rivas

“Todos sabedes que as cousas en Cambados non funcionan ben. O goberno do PP non conta cos veciños, porque non teñen talante democrático”, afirmou o candidato nacionalista. “Pero non nos centremos no que os outros fan mal”, afirmou, “porque o BNG si ten un proxecto integral para esta vila, que ten en conta todas as necesidades sociais, sen pensar unicamente na rendibilidade electoral a curto prazo”.

Caamaño Rivas prometeu dinamizar os sectores económicos de Cambados, “respectando sempre o medio ambiente e pensando sempre na calidade de vida dos cidadáns”. Prometeu ademais aumentar o investimento en política social, e implicar aos veciños na vida política.

O novo candidato do BNG lembrou, así mesmo, as recentes actuacións do goberno galego na vila do Salnés, como o apoio á Festa do Albariño, o proxecto de rehabilitación do barrio de San Francisco, o apoio ao centro de información á muller ou a presenza en Cambados do Barco da Memoria. “Desde que hai un novo goberno na Xunta, actúase por igual en todos os concellos”, afirmou.

Sem comentários: