sábado, fevereiro 17, 2007

Relevo xeracional

Levo reflexionado bastante sobre esta cidade á que tanto quero, sobre as actitudes das nosas xentes, sobre as actitudes daqueles e daquelas que dun xeito ou doutro inciden no desenvolvemento deste Vigo. Teño reflexionado sobre os tópicos, sobre as mensaxes e as ideas preconcibidas que se foron creando nos últimos anos sobre esta cidade e, canto máis reflexiono, máis me convenzo de que é necesario un cambio. Quixera de verdade abandeirar ese cambio, porque creo que xa nos toca. Tócanos a unha xeración coma esta á que eu pertenzo, de homes e mulleres que temos ganas de que esta cidade triunfe, de que sexa máis moderna e de que teña por fin un oco no planeta.

Hai unhas semanas tiña o grato pracer de compartir mesa con corenta novos empresarios e directivos de empresas. Mozos e mozas que compartían comigo a ilusión, a iniciativa, a creatividade, e algo moi importante: o entusiasmo. Eles e elas tamén pedían o cambio, tamén pedían traballar por un futuro distinto.

Moito temos que aprender dos nosos maiores, das persoas que levan anos forxando este Vigo, que co seu gran de area contribuíron a que sexa hoxe a cidade máis importante de Galiza. Pero ao igual ca cando un fillo marcha da casa porque, como é lexítimo, quere independizarse, esta cidade precisa tamén independizarse: independizarse do aburrimento, do vitimismo, independizarse do caduco e dos lastres que lle impiden medrar. En definitiva, esta cidade precisa independizarse do absurdo e empezar a vivir noutro novo mundo, o da ilusión, o do enxeño e o dunha nova xeración.

Sem comentários: