domingo, fevereiro 18, 2007

Saduceos, fariseos e sandadores

O TRASNO . Revista IRIMIA Nº 736.

Pagou a pena ler no semanario italiano L’Espresso esa reportaxe de tanto escándalo, na que un falso fregués, xornalista agochado, confesa con curas de diversas parroquias de Italia supostos pecados de rabiosa actualidade: eutanasia, aborto, preservativos, homosexualidade, etc...

O resultado é unha constatación do que todo o mundo sabe, incluídos os católicos máis hortodoxos, "romanos" e escanalizables: que unha cousa é o discurso oficial e outro o consello moral e o acompañamento pastoral.

Algunha das respostas dos cregos son de pena, pero outras son de altura pastoral e psicolóxica. O xornalista sen-vergonza cóntalle a un párroco de Nápoles que o seu pai estivera quince anos postrado cunha esclerose lateral amiotrófica, que acabou cunha crise respiratoria e un sobrevivir artificial, contra o seu desexo, atado a unha máquina. A máquina foi por fin desenchufada e el confesa a súa complicidade. A reacción do párroco é liberadora: Nada de culpabilidade, comprendo, non penses máis niso, pensa só en facer o ben e fuxir do mal, estate ben.

Noutra ocasión o escenario que crea o xornalista é o dun paisano seropositivo que se cuestiona se debe usar o presenvativo ou non na relación coa súa parella, para evitar contaxiala. En Roma dá cun crego-saduceo, que está máis preocupado por se vai a misa e por se a parella é a lexítima, ca polo drama exposto e que, ao cabo, acaba por decirlle que non use condón e, ademais, négalle a absolución. Pero en Turín dá cun crego cristián, que, a pesar de ser posto contra as cordas polo xornalista, que lle insiste en que a Igrexa prohibe o condón, trátao coma un adulto e traslada a decisión ao ámbito da súa liberdade máis íntima: esa é unha decisión persoal, de conciencia, afirma. E dálle a absolución.

E así, houbo de todo: os que ían polo "código", e os que practicaban a comprensión e a compaixón. Reaccións houbo varias. O Vaticano, furibundo, contra a filibustería xornalística. Estoutros facendo burla. E aqueloutros chamando pola cruzada. A nós recordounos, nidiamente, a escena duha pecadora entrando na casa dun fariseo na que xantaba un tal Xesús.

Daniel López Muñoz

Sem comentários: