quarta-feira, fevereiro 14, 2007

Santi Domínguez inicia as xestións para conseguir que Vigo sexa sede da universiada

O candidato de BNG reuniuse cos responsables deportivos de Palma para recoller a súa experiencia na organización do evento.

O candidato do BNG iniciou xa as xestións para conseguir que Vigo sexa sede da Universiada, os xogos que reúnen aos atletas universitarios de todo o mundo e o evento que Santi Domínguez quere aproveitar para resolver a falta de infraestruturas que ten a cidade. O candidato nacionalista mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos responsables deportivos de Palma, cidade na que se celebrou a Universiada no ano 1999, para recoller información e aproveitar a súa experiencia sobre a organización do evento. Santi Domínguez reuniuse co concelleiro de Deportes de Palma, Rafael Durán, e co xerente de Deportes da cidade balear, José Luis Belver. O encontro, segundo o candidato, foi 'moi proveitoso, xa que recollimos de primeira man información fundamental para encarar con garantías a candidatura de Vigo a ser sede da Universiada'. Para o candidato do BNG, este é un proxecto viable e fundamental para o futuro desenvolvemento de Vigo. Na súa opinión, a Universiada debe ser o elemento vertebrador da transformación da nosa cidade Neste senso, os responsables deportivos de Palma trasladaron a Santi Domínguez a súa experiencia e salientaron que foi un fito que permitiu dotar a cidade de Palma de moitas infraestruturas que a cidade demandaba dende hai tempo. 'Nós temos que aproveitar esa oportunidade. Na Universiada terán que implicarse todas as administracións e será a mellor ocasión para achegar investimentos e resolver as necesidades dotacionais que ten Vigo', sinalou Santi Domínguez. O candidato do BNG interesouse polo procemento a seguir para presentar a candidatura de Vigo, así como polas cuestións orzamentarias. A este respecto indicou que 'cunha boa xestión é factible traer a nosa cidade un dos acontecementos deportivos máis importantes do mundo. Non hai que esquecer que nunha Universiada participan entre 7.000 e 8.000 deportivas, aos que hai que engadir toda a organización que se move a seu redor. Será sen dúbida unha ocasión única para situar a Vigo como referente deportivo mundial e un evento que xerará riqueza para a cidade e o seu contorno'. Tanto o concelleiro de Deportes como o xerente deportivo de Palma consideran que Vigo ten capacidade para acoller unha Universiada e incluso sinalaron que reúne unhas características similares as da cidade balear, polo que confían en que este proxecto chegue a facerse realidade. A proposta de traer a Vigo unha Universiada xa se incluía no programa electoral do BNG nas eleccións municipais de 2003. Precisamente era unha das medidas coas que se quería dar continuidade ao traballo desenvolvido por Santi Domínguez na Concellería de Deportes e que quedou truncado neste último mandato. O candidato do BNG asegura que 'hai que recuperar ese precioso tempo perdido, pero teño o convencemento de que é posible e dende a Alcaldía poderei rematar o traballo que agora estamos iniciando'. Na súa opinión, non só é un proxecto viable, senon que é fundamental para o futuro desenvolvemento de Vigo.

Sem comentários: