sexta-feira, fevereiro 23, 2007

Santi Domínguez propón aos candidatos de PP e PSOE un pacto pola tranquilidade para rematar coa crispación na campaña

O candidato de BNG considera que coa actitude que están mantendo estas dúas forzas deslexitímanse para liderar o goberno da cidade
O candidato do BNG amosou a súa preocupación polo nivel de crispación aos que se está chegando nesta campaña electoral e o bochornoso espectáculo que están ofrecendo á cidadanía o Partido Popular e o PSOE ao redor dunha cuestión tan fundamental para a cidade como é o urbanismo. Santi Domínguez sinalou en rolda de prensa que, coa súa actitude, estas dúas forzas políticas se están deslexitimando para liderar o goberno de Vigo. Fixo un chamamento a Corina Porro e Abel Caballero para acadar 'un pacto pola tranquilidade' que poña fin a esta espiral de confrontación e reconduza a campaña ao debate sobre os proxectos e plans que cada formación ten para a cidade. 'Trasmítolles a miña absoluta disposición a sentarnos a falar o tempo que faga falta para chegar a un pacto que permita acabar coas críticas ao adversario e nos leve a falar do que cada un queremos facer co futuro de Vigo. Iso é o que realmente lle interesa aos veciños e as veciñas e diso debe falarse nunha campaña como a que demanda e merece a cidadanía', suliñou. O candidato nacionalista indicou que as persoas que aspiran a ser alcalde ou alcaldesa desta cidade deben ir por diante do que piden os cidadáns e, por iso, 'temos que actuar coa debida templanza se non queremos perder o tren do futuro'. Santi Domínguez dixo que 'a veciñanza está xa farta deste bochornoso espectáculo que nos están ofrecendo o PP e o PSOE. Os insultos e as críticas persoais non fan ben a esta cidade'. O candidato do BNG engadiu que non lle estranaba que 'os cidadáns digan que non cren na clase política, porque con espectáculos como os que están dando quen perde é a cidade'. É por iso que pediu 'por enésima vez que non se xogue con esta cidade' e que se deixe de utilizar algo tan importante para o futuro de Vigo como arma arroxadiza e con intereses electoralistas. Na súa opinión, a cidadanía está tomando moi boa nota de quen está xogando unha batalla electoralista e quen está traballando polo futuro da cidade. O futuro do PXOME de futuro quixo falar o candiato do BNG. Santi Domínguez considera que o PXOM que agora están utilizando PP e PSOE como elemento de enfrontamento vai ser o que se aprobe, antes ou despois das eleccións. 'Este Plan vai ser o que imos ter que desenvolver e, por iso, do que hai quefalar é das ideas que cada forza política ten para xestionalo'. O candidato salientou que o PXOM é só un instrumento que hai que poñer a disposición da cidade construir o seu futuro. Elena Maure, número seis da candidatura e a persoa que no Goberno do Bloque Nacionalista Galego se encargará da área de urbanismo, dixo a este respecto que este Plan Xeral de Ordenación Municipal é un bo instrumento para facer a cidade que o BNG quere. Insistiu en que dependendo da xestión que se faga do plan teresa unha cidade ou outra. 'Este é un bo plan que ten que ter unha boa xestión', precisou. A candidata explicou que para desenvolver o modelo polo que aposta o BNG o Concello de Vigo deberá ter o control da execución do plan. Elena Maure citou como exemplos a necesidade de programar e controlar os prazos de execución ou de asegurar o desenvolvemento das áreas de dificil xestión. Segundo dixo, este control 'vainos permitir control e dirixir o crecemento da cidade e ir establecendo as medidas para cubrir as necesidades que xerará ese crecemento. Coñecendo isto poderemos facer que a cidade medre de xeito sostible'. Elena Maure sinalou que será preciso diversificar as áreas de centralidade e facer que Vigo medre dende as zonas que intresa. Neste senso, referiuse á necesidade de evitar valeiros dentro de áreas centrais, pero tamén impedir que haxa illas de desenvolvemento. O Plan Especial do Casco Vello e o do Ensanche, así como a elaboración dun plan de promoción de vivenda pública en colaboración coa Consellería de Vivenda ou a coordenación cos municipios limítrofes son tamén cuestións que a próxima responsable do urbanismo da cidade considera centrais para o desenvolvemento do PXOM.

Sem comentários: