segunda-feira, fevereiro 26, 2007

Torres máis altas caeron

O TRASNO Revista IRIMIA Nº 737

Como non van caer os de Gondomar? E máis que caerán.

A uns concellos paralízaselles o plan por practicar un urbanismo insostible. E a outros, directamente, pétalles na porta a Garda Civil. Irán caendo. Inexorablemente. É cuestión de tempo.

"Eses caen sós", díxome un día unha voz sabia, falando dun director corrupto de pés a cabeza que me tocou aturar na miña estadía africana, "é cuestión de tempo". E así foi. Home, houbo que empurrar un anaco, remexer baixo corda, preparar o ambiente, e mover fíos aquí e aló,… pero pouca cousa: ao remate foi el quen caeu pola súa desfachatez, polo seu propio peso, que era enorme por certo, cento cincuenta quilos de graxa corrupta. E caeu en caída libre, ata o máis escuro pozo de miseria, ata o extremo de inspirar compaixón ás súas propias víctimas.

Nas colas dos centros de saúde e nas peixerías, nas asociacións e nas perruquerías das vilas fálase a medias palabras, é un murmurio crecente, é un disque disque que acabará, en moitos casos, en máis visitas da Garda Civil. Porque a xente pode falar de máis, é certo, pero tamén fala de menos, ou cala, ou fala a medias sobre o que ve. E o que ve é o enriquecemento ostentoso deste concelleiro, os negocios no caribe do alcalde, os innecesarios, adolescentes e fachendosos vehículos de alta gama, a relación da súa familia coa inmobiliaria sempre beneficiada, as picardías, as "mordidas", as compravendas e miserias mil.

Así que caerán, como en Marbella. O triste do caso é que, cando o de Marbella, recordo escoitar un programa de radio no que entrevistaban a xente nova sobre a trama, os detidos, o caso aquel todo. A maioría das opinións eran nesta liña: eso estivo realmente mal, hai que ser burros, foi unha chapuza, eu faríao moito mellor: a min non me pillarían.

E eu sentín un arrepío, un pinzamento, aló no medio dese carrelo moral que nos sostén a esperanza e nos mantén, de milagre, vivos.

Daniel López Muñoz

Sem comentários: