domingo, fevereiro 25, 2007

Xornadas de Urbanismo en Nigrán

Varias asociacións e colectivos do Val Miñor, organizamos as primeiras Xornadas de Urbanismo de Nigrán co obxetivo de que o veciños e veciñas da comarca continúen o debate necesario sobre o seu futuro; debate que comezou hai xa algún tempo e que nesta altura queremos avivar.

As xornadas celebraranse todos os sábados do mes de Marzo ás 19:00h, a máis dunha charla o xoves 22 ás 20:00h co arquitecto Pedro de Llano.

Dado que o concello de Nigrán non dispón de ningún auditorio nin sala pública para a realización das xornadas, as charlas celebraranse nunha aula do colexio público H. Juanes de Vilameán (Nigrán). Así mesmo porque para este lugar e o seu contorno lle tiñan reservado un destino que o pobo de Nigrán non aceptou nin vai aceptar nunca: xa que este é un terreo de dominio público que non pode entrar como moeda de cambio en ningún “cambalache” inmobiliario para beneficio particular. Non o consentiremos.

Cando falamos de urbanismo, falamos de como os habitantes de Nigrán queremos organizar o noso territorio, en función dunhas perspectivas de desenvolvemento socioeconómico, dunhas previsións de crecemento da poboación, e respectando sempre os intereses das persoas que aquí vivimos ou que aquí veñan a vivir. Queremos que as xeracións máis novas continúen vivindo aquí, e que non se vexan obrigadas a emigrar porque os pisos e casas sexan de acceso economicamente imposible para a nosa xente.

Pensamos que este é o criterio a ter en conta cando falemos de planeamento: o respecto pola dignidade e pola identidade das nosas parroquias, o respecto polo noso patrimonio natural e polo noso patrimonio histórico e cultural.

Calquera estudo arquitectónico ou urbanístico - o deseño dun novo Plan Xeral de Ordeación Municipal para Nigrán - deberá antepoñer o interese xeral ao interese particular, o interese da maioría dos veciños e das veciños de Nigrán fronte a intereses especulativos ou de enriquecemento rápido de catro “espabilados”.

Para axudarnos a pensar e a tomar decisións traemos a estas xornadas a profesionais no campo da arquitectura, dereito, historia, economía e medio ambiente; para que nos expoñan as súas ideas sobre un urbanismo harmónico e saudable, que facilite e faga máis e agradable a nosa vida.

O planeamento de Nigrán deberá ser elaborado por todas e por todos nun proceso democrático e transparente. Sirvan estas Xornadas como elemento de reflexión por un Nigrán mellor, nun Val Miñor máis acolledor e saudable.


Organizan e patrocinan.

A.VV A Irmandade de Priegue

Plataforma Nunca Máis Val Miñor

A. VV Dunas de Nigrán

Plataforma ecoloxista Salvemos Monteferro

Clube Espeleolóxico Maúxo

Portal de información Valminor.info

Instituto de estudos Miñoranos.


P R O G R A M A


Sábado 3 marzo ás 7 da tarde
Nigrán no Val Miñor e nas perspectivas económicas da
área metropolitana de Vigo.


Xosé M. Souto González
Catedrático de Xeografía e Historia de Educación Secundaria. Licenciado en Xeografía Aplicada e en Historia de Galicia, cunha Memoria de Licenciatura sobre o Val Miñor. Doutor pola Universidade de Santiago de Compostela cunha Tese sobre a evolución urbana de Vigo.

SINOPSE
Características do Val Miñor como comarca que se move entre as transformacións rurais e asinnovacións urbanas. Estrutura económica de Nigrán no conxunto económico da área metropolitana de Vigo. Características ambientais do Val Miñor. Evolución da construción e das actividades da poboación en Nigrán e área de Vigo. Perspectivas económicas para o crecemento económico e para a construción do espazo público.


Sábado 10 marzo ás 7 da tarde
Aspectos legais da xestión do solo.

Lisardo Núñez Pardo Vera
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, Experto Técnico Inmobiliario.
Preparou os seus estudos de opositor á Carreira Xudicial e Fiscal con D.José Luis Seoane Spielgelberg (presidente Audiencia Provincial de A Coruña), D.José Gómez Rey (maxistrado Audiencia Provincial de A Coruña) y D.Antonio Roma Valdés (fiscal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).
Actualmente dirixe o seu despacho propio en Santiago de Compostela.

SINOPSE
Normativa aplicable na xestión do solo.
O planeamiento (plans xerais, plans parciais, plans especiais).
Sistemas de execución do planeamento.

Sábado 17 marzo ás 7 da tarde
A ordenación do territorio.
Os espazos naturais e o patrimonio.


Adela Figueroa Panisse
Catedrática en Bioloxía e Xeoloxía, é presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), complementa a súa actividade docente coa participación activa en numerosas institucións ecoloxístas e pedagóxicas como UNICEF, ISSOL ou o Colexio Oficial de Biólogos de Galiza.

SINOPSE
Concepto e valor da Biodiversidade. Concepto e valor da Paisaxe A necesidade da ordenación do territorio nuha sociedade en mudanza como a galega. A necesidade da protección ambiental en xeral e en particular en Galiza.
As figuras de protección. Percepción da sociedade acerca da preservación do territorio.
Actuacións de custodia do territorio.


Fernando Lahuerta Mouriño
Biológo e director da sección de medio Ambiente do Instituto de Estudos Miñoranos. Residente en Nigrán, ten publicado numeros artigos e estudos referentes a sedimentación, vexetación e fauna do esteiro da Foz (Ramallosa). Ten participado en numerosas conferencias sobre productividade e contaminación das rías galegas, ou a proteción e xestión dos montes galegos.

SINOPSE
Situación dos espazos naturais no Val Miñor . Os perigo dun crecemento urbanístico non controlado (contaminación, invasión de humidais, a construcción nas contornas fluviais)


Xabier Groba González
Presidente do Clube Espeleolóxico Mauxo. Ten publicado numerosos libros sobre as covas e petroglifos na contorna Miñorán e area metropolitana de Vigo.

SINOPSE
O Campo de Golf en Chandebrito. As súas consecuencias.


Xosé Lois Vilar Pedreira
Baiona 1965, Licenciado en Xeografía e Historia, director da sección de Arqueoloxía e Prehistoria do Instituto de Estudos Miñoranos e mebro da Asociación Galega de Onomástica.
Ten realizado excavacións e estudos no Val Miñor (Chan do Cereixo, Panxón,...), e na súa contorna como Toralla, Esposende, As Neves, …con dedicación especial a arte rupestre no noso país.
Realizou con Roberto Rodríguez Álvarez a recollida da toponimia costeria dende o Rio Miño ata a Praia de Patos.
Actualmente está realizando en colaboración con Carlos Méixome, un estudo sobre a represión franquista no val Miñor dende 1931 a 1939.

SINOPSE
Unha ollada ao patrimonio, sobre todo moble, no Val Miñor, sen esquecer unha cita do patrimonio intanxible facendo unha análise da importancia no plano miñorano galego e universal. Unha comparativa ao desenvolvemento do Val Miñor e a atención ao patrimonio facendo un repaso as principais iniciativas sobre a temática.
Necesidades do Val Miñor para a explotación do seu patrimonio cultural (musealización, actividade cultural,...)


Xoves 22 marzo ás 8 da tarde
Galicia: A ruptura dunha cultura do territorio.

Pedro de Llano Cabado
Arquitecto en exercicio e profesor na ETS de Arquitectura da Coruña. Colabora en revistas de arquitectura e noutras como Luzes de Galicia, Grial ou Tempos Novos.

É autor de obras como Arquitectura Popular en Galicia. Razón e construción e outras sobre Álvaro Siza, Alejandro de la Sota, Le Corbusier ou Carlos Maside, así como sobre arquitectura holandesa ou sobre o Piornedo.
Por algunhas destas obras fóronlle concedidos premios como o da Crítica Galicia de Ensaio, o da Crítica Galicia de Ciencias e Artes da Comunicación ou co VII Premio do COAG.

SINOPSE
Cando non hai máis de medio século Galicia contaba cunha paisaxe homoxénea e respectada, comezou a vivir un proceso de crecente e tolerada destrución. Desde entón, a evolución da nosa arquitectura do territorio vivíu un caótico proceso destrutivo marcado por unha groseira actitude especulativa, controlado só por unhas inoperantes e conservadoras leis e documentos urbanísticos.
Resulta, pois, imprescindible poñer en crise ese marco legal e repensar o futuro da nosa realidade espacial introducindo unha nova visión da organización do territorio galego, considerado no seu conxunto, que nos permita elaborar modelos conceptuais de intervención que posibiliten o seu desenvovemento, ao tempo que salvagardan a súa particular personalidade.

Sábado 24 marzo ás 7 da tarde
Mesa redonda. O PXOM de Nigrán


Eulogio Abeleira
Delineante superior e asesor urbanístico.

Manuel V. Sola
Actualmente xornalista de Economía de El País. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais. Traballou en Radio Noroeste, Atlántico Diario, Xornal Diario, Diario 16 de Galicia, La Voz de Galicia (onde foi Correspondente de Economía e Delegado para Vigo e Portugal.)
Membro fundador do Sindicato da Información de Galicia (CXTG), da Asociación de Xornalistas de Vigo e do Colexio de Xornalistas de Galicia.
En 2006 publica unha serie de sete reportaxes sobre o urbanismo na costa galega.

Mauricio Ruíz Ceniceros
Vigo, 1968. Licenciado en Dereito. Avogado en exercicio. Asesor xurídico da Comisión de Planeamento e de Medio Ambiente do Colexio Oficial de Arquitectos de Vigo.

Juán Hermida Lago
Nigrán 1970 - Licenciado e doutorado en Ciencias Biolóxicas pola USC. Centrou os seus estudos no Desequilibrio Gamético no cromosoma 11 humano, para a detección de xenes de enfermedades humanas de base xenética.
Participa en Proxectos de investigación co Grupo de Xenética de Poboacións da Facultade de Bioloxía da USC ainda que dende que estalou o conflicto do PXOM, deixou a súa actividade investigadora para botar unha man no colectivo veciñal e tratar de reconducir unha situación que él mesmo califica de "irreparable dano para o presente e futuro de Nigrán". A súa labor de investigación é parella á súa actividade docente como Profesor nun Instituto de Ensino Secundario.

Sem comentários: