quinta-feira, março 22, 2007

ANXO QUINTANA AFIRMA EN MUROS, NA PRESENTACIÓN DE DOMINGOS DOSIL, QUE O BNG “VAI APOSTAR POR ESTE CONCELLO QUE ESTIVO ESQUECIDO POR TODOS OS GOBERNOS”

O candidato nacionalista afirma que vai poñer en marcha “empresas de economía social”, seguindo o modelo da Cogami

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, acudiu a Muros a mostrar o seu apoio ao novo candidato nacionalista á alcaldía, Domingos Dosil. Comprometeu o apoio do nacionalismo galego a esta vila, “esquecida por todos os gobernos”. “Os nacionalistas apostamos por Muros, e o BNG no goberno galego tamén vai apostar por este concello”, afirmou.

“Hai que rematar cos gobernos que trazan unha liña divisoria entre os veciños; non podemos seguir coa política de 'estás comigo ou estás contra min”, afirmou Quintana. “Os veciños de Muros son conscientes de que é posible o cambio. E é necesario que este cambio político estea liderado polo BNG”, dixo.

Segundo o vicepresidente do goberno galego, “cando o BNG goberna nun concello, o concello é de todos, e non propiedade particular do alcalde ou alcaldesa de turno”. “Porque se algo destaca en Domingos, e eu cóñezoo ben, é que é unha persoa dialogante e que vai a poñer a todos os veciños e veciñas a aportar as súas ideas e a colaborar para sacar Muros adiante”, afirmou.

Quintana tamén fixo referencia á necesidade dun “urbanismo pensado para a xente”, e non en defensa “dos intereses particulares duns poucos” e destacou a aposta do goberno galego pola vivenda social. Así mesmo, falou do polígono industrial que se está a poñer en marcha por parte das consellarías de Vivenda e de Industria “para que a xente desta vila poida vivir e traballar aquí”, afirmou.

Domingos Dosil

O ex presidente da Confederación Galega de Minusválidos (Cogami) e candidato nacionalista á alcaldía de Muros comprometeuse ante os presentes a reverter a situación de descenso poboacional do concello, que vén de pasar de 17 a 13 concelleiros. “Muros ten potencialidades importantes que están abandonadas e que imos poñer en marcha”, afirmou.

“Esta vila é unha zona costeira moi rica e nunca se fixo nada serio para aumentar os beneficios que producen a pesca, o marisqueo e o sector do mexillón”, dixo o candidato, que apostou por “pechar o círculo para poñer en valor os sectores produtivos”. Fixo referencia tamén a impulsar a gandería e poñer en valor o sector forestal. Dosil puxo como exemplo a súa experiencia anterior como presidente da Cogami, onde os fondos europeos serviron para “impulsar numerosas empresas do sector da economía social” e apostou por aproveitar estas aportacións comunitarias, así como todo o apoio que o goberno galego lle está dando a Muros.

“Temos que priorizar o investimentos en política social”, prometeu o alcaldábel nacionalista, quen se comprometeu a gobernar con transparencia no manexo dos recursos públicos. “Cando nós esteamos no goberno, dialogaremos coa oposición e non actuaremos para dividir á xente”, segundo explicou.

Por último expresou a súa intención “de impulsar a cultura, sempre en colaboración coas estruturas xa creadas, tanto na vila de Muros como nas parroquias”. Avogou porque o papel do Concello no que se refire a cultura, deportes e política de mocidade sexa de “dinamizar e participar, non só subvencionar”.

Sem comentários: