quinta-feira, março 01, 2007

ANXO QUINTANA AFIRMA QUE ALEXANDRE SÁNCHEZ VIDAL É O ÚNICO CANDIDATO QUE PODE COLOCAR OURENSE NO MAPA POLÍTICO DE GALIZA

O candidato nacionalista aposta por unha “unha cidade do desenvolvemento e do emprego, capital do interior da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, arroupou ao candidato nacionalista da cidade das Burgas nun acto de presentación que tivo lugar no Auditorio municipal. Quintana afirmou que Sánchez Vidal “é o único candidato dos que se presenta ás municipais nesta cidade que pode poñer Ourense no mapa político de Galiza”. Garantiu, así mesmo, que o actual líder da oposición no concello terá “fío directo con Santiago”.

Segundo expuxo o vicepresidente do goberno galego, “o Partido Popular está ao final dunha etapa en Ourense, presentando un candidato que porá punto final á súa traxectoria na alcaldía” Porén, para o BNG, “Ourense é a nosa prioridade política”, afirmou.

“Álex é o alcalde que esta cidade necesita, porque un alcalde de Ourense non só debe gobernar o concello, senón que tén que ser un líder provincial”, dixo Quintana.

Por último, o líder nacionalista fixo especial fincapé en facer política pensando para a xente, resaltando a necesidade dun urbanismo “que non pense só no tixolo e na especulación, senón nas necesidades reais dos cidadáns”.

Discurso de Alexandre Sánchez Vidal

“Hoxe é o primeiro día do verdadeiro cambio político que se vai completar este 27 de maio. Cando o BNG gañe a alcaldía, vaina gañar o pobo de Ourense, e imos traballar en estreita conexión cos cidadáns, a diferencia do goberno actual, para poñer en marcha un proxecto que deixe a súa pegada de aquí a 50 anos”, afirmou o candidato nacionalista.

Sánchez Vidal apostou porque Ourense sexa “a cidade do desenvolvemento e do emprego”, e “capital do interior da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”. Así, comprometeuse co proxecto do Val da Rabeda (nos concellos de Taboadela, Allariz e San Cibrao) e coa superación do localismo.

O nacionalista defendeu unha política de “integración total dos novos ourensáns que chegamos a esta cidade a partir dos anos 50”, que pasará por dotar de servizos os barrios. Defendeu crear cinco novos pavillóns deportivos, centros sociais, bibliotecas públicas e escolas infantís, un por cada distrito da cidade. O BNG aposta tamén por promover a vivenda pública; e polo coidado do medio ambiente. Neste último aspecto, Sánchez Vidal defendeu a construción dunha pranta comarcal de compostaxe e por unha mellora do transporte público.

“Ourense debe ter proxectos que nos singularicen”, afirmou, para defender un plan integral de recuperación do entorno das Burgas, que inclúa un hotel-balneario, un centro de creación cultural e unha praza de abastos. Isto completaríase cun saneamento do río Barbaña e unha senda peonil entre Mariñamansa e Montealegre, segundo explicou o alcaldábel do BNG.

Sem comentários: