quarta-feira, março 14, 2007

África: a comunidade gay sen defensa fronte ao VIH/SIDA.

Excluídas da asistencia médica e das mensaxes educativas, as minorías sexuais seguen pagando boa parte do custo da epidemia.



Excluídos, humillados, maltratados ou detidos, os membros da comunidade gay en África seguen sendo aniquilados polo VIH/SIDA e deben ser integrados de forma urxente nos programas de loita contra a epidemia, segundo un novo informe.


Como resultado dun ano de investigación e de entrevistas cos actores nacionais e internacionais da loita contra a SIDA e a defensa dos dereitos das minorías sexuais, o informe "Off the map", realizado pola organización estadounidense International gay and lesbian human rights commission (IGLHRC), revela ata que punto "os gobernos e os programas internacionais de loita contra a SIDA relegan os dereitos humanos elementais das persoas con prácticas [homo]sexuais en África".

"O rexeitamento relacionado coa homofobia, a negación da homosexualidade e as lexislacións que condenan as relacións entre persoas do mesmo sexo, provocaron que as cuestións relativas á transmisión do VIH entre persoas do mesmo sexo sexan aínda menos visibles e que limiten drasticamente o acceso desas persoas aos servizos VIH", declarou Cary Alan Johnson, especialista principal da IGLHRC para África e autor do informe.

Este informe cita un bo número de testemuños de homes e mulleres aos que se lles prohibe o acceso á asistencia médica debido ás súas prácticas sexuais, dando o exemplo dun mozo keniano expulsado dun centro sanitario porque solicitou unha auscultación por unha infección anal.

Con todo, os poucos estudos levados a cabo sobre as minorías sexuais revelaron que estes grupos son particularmente vulnerables á infección. En Senegal, a taxa de prevaleza do VIH no seo da poboación está estimada en menos dun un por cento, pero excede o 21 por cento entre os MSM (homes que manteñen relacións sexuais con homes, polas súas siglas en inglés), segundo un estudo nacional.

De forma xeral, declarou un experto da IGLHRC con motivo dunha conferencia internacional sobre a SIDA en Abuja, Nixeria, en decembro de 2005, "as estimacións fannos pensar que a taxa de infección do VIH entre os MSM alcanza unha media de catro a cinco veces superior que no resto da poboación."

As mulleres que manteñen relacións sexuais entre elas, aínda que en xeral vense menos afectadas que as mulleres heterosexuais, rexistran igualmente "taxas de seroprevaleza máis elevadas do esperado", sinala o informe "Off the map" de 124 páxinas, subtitulado "Como os programas VIH/SIDA fracasan á hora de ter en conta as prácticas entre persoas do mesmo sexo en África".

"A vulnerabilidade dos homes e mulleres que manteñen relacións sexuais con persoas do mesmo sexo non se debe a ningunha predisposición biolóxica, senón que é o resultado dun conxunto de violacións dos dereitos humanos e das desigualdades sociais que aumentan o risco de infección por VIH. A discriminación cara aos gay alimenta a epidemia VIH/SIDA en África", indica o informe.

Se nalgúns países as relacións entre persoas do mesmo sexo son toleradas, e ata son legais, como en Sudáfrica, pola contra, noutros países son susceptibles de ser sancionadas, da simple multa a condenas de prisión incondicional (ata 14 anos de cárcere en Nixeria) e ata a pena capital, principalmente no marco da Sharia, a lei islámica, como en Sudán ou nos estados do norte de Nixeria.

En Nixeria, os defensores das minorías sexuais loitan desde fai un ano contra unha lei destinada oficialmente a prohibir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, pero que prohibe de feito toda relación homosexual e condena a toda persoa ou grupo defensor dos dereitos das minorías sexuais, identificados como os homes e mulleres que manteñen relacións con persoas do mesmo sexo, os bisexuais e os transexuais.

De igual forma, Camerún foi recentemente sinalado e condenado publicamente polo grupo de traballo das Nacións Unidas sobre as detencións arbitrarias por haber encadeado durante máis dun ano a 11 homes sospeitosos de homosexualidade. Un deles, infectado polo VIH, morreu varios días logo da sua excarceración.

Programas para as minorías sexuais.

Para poñer remedio a esta situación que constitúe un perigo non só para as minorías senón para a poboación en xeral (boa parte dos MSM están casados), o informe da IGLHRC recomenda aos gobernos africanos harmonizar as lexislacións nacionais coas leis internacionais protexendo así os dereitos humanos e das minorías sexuais, e perseguir aos autores de ataques físicos ou verbais, expulsións e outras formas de acoso contra estas minorías.

Igualmente, o documento recomenda aos gobernos establecer relacións directas coas asociacións de defensa dos dereitos sexuais para mellorar a prevención da infección e o acceso á atención médica e poñer a disposición dos detidos preservativos e outras defensas.

Dirixíndose ao goberno estadounidense, o informe exhorta ás autoridades a "parar a exportación da homofobia suprimindo as restricións ás subvencións internacionais relacionadas coa saúde reprodutiva, que agravan o rexeitamento contra as minorías sexuais".

O informe indica, que pola súa banda, os socios capitalistas, deberían asegurarse de aumentar o financiamento acordado aos gobernos ou ás organizacións dispostas a poñer en marcha programas destinados ás minorías sexuais, mentres que as organizacións presentes in situ deberían asegurarse de que esas minorías non sexan excluídas das mensaxes e dos programas educativos sobre o VIH/SIDA.

"A menos que haxa un aumento substancial dos recursos, só serán satisfeitas as necesidades de menos do un por cento dos africanos que manteñen relacións con persoas do mesmo sexo", estima o informe.Citando ao doutor Dela Attipoe, do Programa nacional de control do VIH/SIDA/ETS en Ghana, o informe expón a falta de atención relativa ás prácticas sexuais ente acodes do mesmo sexo o que "podería arruinar todos os avances realizados na loita contra o VIH/SIDA".

Off the Map” (Orixinal en Inglés) : www.iglhrc.org/files/iglhrc/otm/Off%20The%20Map.pdf


http://www.afrik.com/article11308.html

Sem comentários: