quinta-feira, março 22, 2007

HEBREO.- ERC considera o modelo hebreo como útil para a realidade sociolingüística catalá



O líder de Esquerra Republicana de Catalunya, Josep Lluís Carod-Rovira, aproveitará a viaxe institucional ao estado xudeu para coñecer a experiencia lingüística do hebreo. Entende Carod-Rovira que a recuperación do hebreo é ‘unha experiencia interesante que pode ser positiva para a realidade sociolingüística de Catalunya’, afirmando que esta lingua se ten ‘convertido nun idioma común para xente de diversas orixes’.

O hebreo era unha lingua viva en tempos bíblicos en terras do Oriente Medio, compartindo familia semítica co árabe, o sirio ou o etíope. Despois da destrución do Templo de Xerusalén, no 70 a.d.n.e. o hebreo deixou de ser un idioma falado a diario, pasando os xudeus a falar a lingua propia do territorio onde emigraran.

O hebreo perviviu só como lingua ritualizada no estudo e na oración, a semellanza do acontecido co latín entre os cristiáns.

Porén, no século XIX, sionistas como Eliezer Ben Iehudá (1857-1922), despois de emigrar a Palestina en 1881, puxeron as bases para a recuperación do hebreo como lingua falada no uso diario. Xa medio século antes da autoproclamación do Estado de Israel en 1948, os xudeus utilizaban o hebreo como un instrumento máis de autoidentificación e expansión en terras palestinianas.

Na actualidade, cando novos inmigrantes chegan ao estado xudeu (alén de recibir 6.500 dólares en efectivo, importantes vantaxes fiscais e créditos non retornábeis para a adquisición de vivenda), son internados en Centros de Absorción de Inmigrantes onde reciben seminarios intensivos de hebreo. Tamén existen cursos de aprendizaxe coñecidos como ‘ulpanim’, onde se utilizan as máis modernas e avanzadas técnicas de ensino.

Hoxe, despois de 2.000 anos ‘morto’, o hebreo resucitou en Palestina e é, xunto co árabe, a lingua oficial do estado xudeu. Como observaba sorprendido Carod-Rovira, ‘hoxe moitos fillos ensinan en Israel a súa lingua materna ás súas nais’.

http://www.amesanl.org/noticias/noticia_tipo.asp?IDNOTICIA=501


Sem comentários: