quinta-feira, março 08, 2007

O BNG aposta por avanzar nas políticas de transformación dos ‘valores sexistas’ asentados na sociedade

As nacionalistas queren estender as políticas de igualdade tamén aos concellos.


O Bloque Nacionalista Galego fixo hoxe pública a súa aposta por avanzar nas políticas de transformación dos “valores sexistas” asentados na sociedade coa leitura dunha Declaración Institucional co motivo do Día Internacional das Mulleres.

A Declaración foi lida pola secretaria de Acción Feminista da Executiva Nacional, Rosario Fernández Velho, quen estivo acompañada, nun acto que se celebrou na Sede Nacional, por Ana Pontón, deputada e membro da dirección nacionalista; Ánxela Bugallo, conselleira e membro tamén da Executiva Nacional; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade do Goberno de Galiza; Ana Luísa Bouza, directora do Servizo Galego de Igualdade; Modesta Riobó, deputada nacionalista no Parlamento galego; Victoria Rei, membro da Comisión Nacional das Mulleres do BNG; e Elvira Cienfuegos, concelleira nacionalista en Santiago de Compostela.

Fernández Velho expresou o compromiso nacionalista en favor da recuperación da memoria das mulleres –“a necesidade de continuar a facer presentes as mulleres na historia”, dixo- e na perspectiva das próximas eleccións municipais considerou “imprescindíbel” que chegue até os concellos “a mensaxe de que é fundamental avanzar nas políticas de igualdade, tamén na Administración local”.

Combate permanente contra o medo e o silencio

O BNG renovou o seu compromiso co “combate permanente das mulleres contra o medo, a exclusión e o silencio da sociedade”. “Por todo isto, desde o BNG comprometémonos a RECLAMAR e POTENCIAR políticas efectivas de recuperación da memoria das mulleres, de recoñecemento do seu papel e de divulgación do seu traballo”. Reclamar e potenciar tamén “avances nos concellos de cara á consideración da igualdade como un obxectivo prioritario en todas e cada unha das actuacións dos gobernos locais, co tratamento particular da loita contra a violencia de xénero.

Sem comentários: