quinta-feira, março 08, 2007

O BNG DE MONTEVIDEO ORGANIZOU UN ACTO CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Montevideo, 8 Marzo 03. “A Muller Galega na Diápora” foi o tema do acto organizado onte polo BNG de Uruguai, coincidindo coas celebracións do Dia Internacional da Muller. Neste acto, os nacionalistas contaron coa presenza do ministro de Vivenda, Mariano Arana, natural de Arteixo e a coordenadora executiva da Muller da Intendencia Municipal de Montevideo, Elena Ponte. Asistiu tamén Ana Miranda, membro do Consello Nacional e representante do BNG en Bruxelas. Entre os asistentes había representantes do Frente Amplio -partido gobernante no Uruguai- e dos centros galegos.

Esta acto tivo unha importancia histórica, porque era a primeira vez que a colectividade emigrante realizaba unha homenaxe ás galegas con motivo do Dia Internacional da Muller. O ministro Mariano Arana lembrou o papel da súa nai como emigrante; a importancia cultural das relacións entre o pobo galego e o uruguaio e as peripecias que supón a emigración, en especial na época das primeras migracións. Falou tamén do desarraigo que supuxo, cheo de “incomunicación e dificultades”. Elena Ponte valorou que se lembre nesta celebración internacional “o importante papel silenciado das mulleres galegas en Uruguai, no público e no privado”.

Pola súa parte, Ana Miranda falou da “invisibilidade das mulleres galegas da diáspora”, lembrando que é unha historia aínda non escrita dunha dureza terrible, e que debe impulsarse a recuperación da súa memoria histórica dende o nacionalismo galego. Miranda proseguirá a súa axenda con varios actos entre a colectividade galega de Bos Aires.

Sem comentários: