sexta-feira, março 09, 2007

O BNG RECLAMARÁ NO 10 DE MARZO UN MARCO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS PARA QUE A CLASE OBREIRA EQUIPARE OS SEUS NÍVEIS DE BENESTAR COA MEDIA EUROPEA

O portavoz de Emprego e Industria do grupo nacionalista lembra que o paro, a precariedade laboral, a sinistralidade, os baixos soldos e as longas xornadas seguen a ser os handicaps da situación socio-laboral galega

O portavoz de Emprego do grupo parlamentar do BNG, Fernando Blanco Parga, quer manifestar na véspera da celebración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, “o compromiso do BNG de traballar para que unha parte importante da nosa sociedade, a clase traballadora, se dote de instrumentos propios que lle permitan acadar os níveis de calidade de vida existentes en outras zonas do Estado e de Europa”.

O deputado nacionalista lembra que a situación socio-laboral galega está “aínda hoxe en día lonxe de acadar un escenario de pleno emprego, de calidade e con total incorporación da muller”, e tamén moi lonxe “das taxas de estabilidade que marca a media da Unión Europea”.

Blanco Parga aclara que non quer “caer no negativismo”, mais tampouco se pode negar que “as características que definenc o mundo de traballo en Galiza son claramente mellorábeis”.

Para respaldar as súas afirmacións, o parlamentar aporta algunhas cifras relevantes como a taxa de paro en Galiza, o 9,55%, 3,3 puntos por riba da media estatal e destaca a cifra de mulleres que buscan emprego, o 63% do total.

A xornada laboral galega é “das maiores do Estado, con 430,4 horas por trimestre fronte ás 425,1 da media estatal” e tamén superamos a media en temporalidade sendo os galegos con este tipo de contrato un 35%, fronte ao 21% do Estado.


Sinistralidade

O portavoz de Emprego destaca, en primeiro termo, a melloría na cifra de accidentes mortais na Galiza que en 2006 foron 78 fronte aos 101 de 2005, mais lembra que a suma de accidentes no traballo foi o ano pasado de 48.580 fronte aos 48.003 de 2005.

Tampouco nas remuneracións as cifras galegas acadan a media desexábel xa que, segundo un recente estudo da Universidade de Nafarroa, o salario medio galego é de 1.330,6 euros ao mes brutos, “un 16% inferior á media do Estado” e Galiza é a terceira comunidade por con custes salariais máis baixos despois de Estremadura e Canarias.


Aprofundar nas diferenzas

Neste contexto socio-laboral, Blanco Parga lembra que o pasado 6 de febreiro asinouse en Madrid o Acordo Interconfederal para a Negociación Colectiva 2007, entre sindicatos estatais, a CEOE e a Cepeme no que se recolle explicitamente a recomendación de non usar “outras previsións de inflación distintas das oficiais, desaconsellándose a identificación de outros parámetros, xa sexa nun ámbito sectorial específico, xa sexa nun ámbito territorial determinado”.

Xa que logo, tal e como destaca o parlamentar, o acordo de negociación colectiva na Galiza “está sometido ao Acordo Estatal” e cómpre lembrar que “deste xeito, lonxe de uniformarse e equilibrarse as condicións salariais entre o noso país e o Estado, imos aprofundar nas diferenzas”.

Por iso cumpre que nos dotemos dun Marco Galego de Relacións Laborais, tal e como reclama o BNG, para que o noso país e os obreiros galegos poidan igualar os seus níveis de benestar cos habitantes de outros territorios do Estado e de Europa.

Sem comentários: