terça-feira, março 13, 2007

O PP ESIXE QUE OS ASISTENTES AOS SEUS ACTOS EN AMÉRICA LLE FACILITEN UNHA COPIA DO SEU PASAPORTE, DENUNCIA O BNG

Os nacionalistas consideran esta práctica “caciquil” e denuncian a oferta de favores a cambio de votos para as próximas eleccións municipais.

A responsábel da Comisión de Emigración do BNG, Ana Miranda, denuncia os numerosos actos que representantes do Partido Popular veñen de realizar estes dias pasados en diversos lugares de diáspora, como Bos Aires e Montevideo, caracterizados polo caciquismo das comidas masivas gratuítas e sobre todo pola manipulación de dereitos, pedindo copia do pasaporte para asistir aos actos e celebracións, como ocurreu coa alcaldesa de Bande en Montevideo e co alcalde de Salceda e de Vila de Cruces, quen pediu copia do pasaporte para o sorteo de viaxes, ambos en Bos Aires. Tamén co alcalde de Sada en Montevideo e con especial gravidade co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán.

O BNG, a través do deputado provincial de Pontevedra Xosé Antón Araúxo, denuncia que Louzán realizou un acto o domingo pasado no Polideportivo do Centro Galego de Montevideo, no que se pedia copia do pasaporte ou do DNI para asistir ao acto, consistente nunha sardiñada. Os participantes, foron convidados a pasar por diversos centros da provincia para deixar copia do pasaporte. No acto habia unha fotocopiadora, e pedíaselles copia deste documento e sinatura nas listas para pedir o voto municipal. Araúxo vai pedirlle explicacións ao presidente da Deputación no pleno, para pedir aclaracións desta manipulación e sobre en qué calidade se realizou a visita asi como a súa duración.

Araúxo e Ana Miranda consideran "inadmisíbel" o trato que o PP segue a darlle a diáspora galega. Afirman que "con esta imaxe de engano e falla de dignidade o único que se demostra é que o PP está moi desesperado e actúa xa sen ocultar as verdadeiras formas que sempre tivo na relación coa emigración galega".

O BNG comprométese a seguir actuando coa diáspora "pola via da cooperación e da igualdade e non de xeito manipulador como fai o Partido Popular", que ademais apareceu con numerosos ofrecimentos e promesas a cambio de votos. "A diáspora galega é algo mais que un voto”, afirmou Ana Miranda, “e por iso o BNG vai seguir traballando polos valores democráticos que sempre defendeu e denunciando calquera vulneración”.

Sem comentários: