terça-feira, março 20, 2007

Obxectivo CiberIrmandade: Instituto Xeográfico Nacional


Sabes onde está La Teijeira, El Bollo ou Chandreja de Queija? Nós dicímoscho: no Instituto Xeográfico Nacional. Este órgano do Ministerio de Fomento fai uso destes e doutros moitos barbarismos na súa páxina web: La Bola, Castrelo del Valle, Jinzo de Limia, El Irijo, Junqueira de Ambía, Lobera, Viana del Bollo, Villardevós, Germade, Jove, Otero de Rey, Pedrafita del Cebrero... Envíalles cun correo esixindo o cumprimento da legalidade toponímica.

Non é aceptábel que na páxina web dunha administración como é a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, practicamente todos os topónimos de Galiza estean tan grotescamente deturpados, esquecendo o deber de respetar os nomes oficiais dos concellos galegos. Máis aínda tendo en conta a importancia que a toponimia ten na elaboración de cartografía, polo que o IGN debería ser especialmente coidadoso con este tipo de grallas.

Vendo esas barbaridades case pasa desapercibido que a versión en galego desta páxina web ten a meirande parte dos seus contidos en castelán, e as partes en galego están inzadas de faltas de ortografía, o que é unha enorme falta de respecto para a cidadanía galega.

No prego que che propón enviar a CiberIrmandade, solicítase, ademais da corrección inmediata da toponimia, que o Instituto Xeográfico Nacional faga unha versión seria en galego da súa páxina web.

Sem comentários: