sexta-feira, março 02, 2007

OS XUDEUS DE GALIZA

Non é doado saber con precisión o fixamento de familias xudeas na Galiza, ainda que hai referéncias deles no século IV en vilas con movimentos comerciais: A Coruña, Lugo, Chaves, Tui, Ourense, Iria Flavia, Quiroga.
A partires do século XI empezan abundar datos en vilas do camiño de Santiago: Allariz, Monforte, Rivadavia...sendo durante o século XII e XIII onde se produce un medre importante da povoación sefardí na Galiza. Outros lugares con fonda presenza xudea foron Ribadeo, Viveiro, Celanova, Vigo, A Guarda, Pontevedra...máis os estudos recentes realizados pola historiadora Gloria de Antonio Rubio, na sua tese “Comunidades judías gallegas, siglos XI al XV”, destaca que houbo comunidades xudias en todo o território galego.

A finais do século XV e comezos do XVI, produce-se a conversión da meirande parte deles en cristiáns, os chamados cristiáns novos. O resto decide acatar a expulsión decretada polos Reis Católicos ao non aceptar a relixión que se lles queria impoñer. Uns emigraron, via Portugal, a Franza, Paises Baixos, Inglaterra, Alemaña...outros fara-no a Marrocos, Exipto, Turquia e incluso a Palestina:

Familia Lemos: http://www.jrcasan.com/MONFORTE/judios/
Familia Mamán: http://www.geocities.com/misraices18/maman.htm

Segundo o historiador Felipe Aira Pardo, historiador i experto na Xudaría de Monforte de Lemos: “Os conversos soian poñerse apelidos de nova factura para non amolar aos cristiáns vellos”. Entre os apelidos probabeis de orixe sefardí, nomean-se: Gaibor, Céspedes, Oliveira, Freixo, Pérez, Azor, Gavilán, Trigo, Centeno, Coello, Falcón, Cordeiro, Piñeiro, Raposo, Teixeiro, Pereira, Pomar, Tella, Franco, Horta / Orta, Pacio, Ocampo, Carballeira, Carballo, Cerdeira, Xesteira, Xestoso, Gato, Pita, Castiñeiro, Castiñeira, Carneiro, Palomo, Pombo, Carrizo, Xato, Lemos, etc...

Máis haberia que matizar isto, dado que moitos destes apelidos adoptados por familias xudeas xa existian e eran empregados por cristiáns vellos. Por exemplo, non podemos dicer que os Freixos sexan de ascendéncia sefardita senon que pode haber unha galla deste apelido que teña a devandita orixe.

Entre as profesións máis salientábeis están as comerciais, xoieiros, prateiros...e como non a mediciña, destacando aos irmáns Guadalupe, de Castro Caldelas, e a Francisco Sánchez, de Tui.

No Hospital de Santiago atopamos un feixe de médicos xudeosconversos nos que podemos citar os apelidos: Andrey, Varela de Montes, Teijeiro, Freire, Novoa Santos, Rodríguez Cadarso, etc.

Entre a nobreza galega, unha boa parte ten sangue xudeo, podemos falar dos Fonseca, Alvarado, Cordoso (¿Cardoso?), Pardo, Correa, Guzmane (¿Guzmán?), Sotomayor, etc.

Entre os apelidos que sinala o historiador Felipe Aira en Monforte, atopamos: Coronel, Pereira, Céspedes, León, Lucena, Fonseca, Paz, Guadalupe, Mezquita, Oliveira / Olibeira / Olibera, Ávila, Núñez de Freytas / Freitas, Feijoo, Alvarez, Carneiro, Falcón, Trigo, Centeno, Carrizo, Xato, Lemos, etc.

Lalo Vazquez Gil, en "Retrincos da historia de Vigo", comenta que en Vigo e en Galiza hai apelidos que poideran ter algunha das suas galla de orixe xudea, entre os que atoparian: Coello, Falcón, Prado, Trigo, Cordeiro, Piñeiro, Raposo, Teixeiro, Pereira, Pedreiro, Manzano, Pomar, Pumar, Pumariño, Tella, Huerta / Horta, Pacio, Ocampo, Carballeira, Carballo, Cerdeira, Freixo, Funes, Xesteira, Xestoso, Paxaro, Gato, Pita, Castiñeiro, Carneiro, Palomo, Pombal, Carrizo, Xato, Lugo, Luaces, Chao, Rio, Fonte, Montaña, Penedo e Roca.

OS SUPOSTOS APELIDOS XUDEUS
(Artigo de Gonzalo Navaza recolido da sección da Caixa dos Apelidos realizada conxuntamente entre o xornal A Nosa Terra e A Mesa pola Normalización Lingüística)

"En artigos anteriores aludiamos ás lendas familiares que explican apelidos galegos atribuíndolles procedencia exótica. Non fixemos referencia, sen embargo, a outras fantasías populares emparentadas con estas que gozan así mesmo de moita difusión, non só entre nós, senón en toda a Península: as baseadas na falsa consideración de certos apelidos como apelidos xudeus.

Unha remitente apelidada Abad comunícanos que na familia ten oído dicir que ese apelido é de orixe xudía. Como ela mesma sospeita, é unha castelanización do galego Abade e non ten ningún fundamento consideralo xudeu. A mesma explicación circula para moitos outros, e tamén sentencias xeneralizadoras que pretenden facer xudeus tódolos apelidos que conteñen nomes de cores, nomes de árbores, de santos, de oficios, topónimos en xeral e mesmo algúns patronímicos moi comúns.

Estas explicacións poden ter variadas orixes, apoiadas sempre nun prexuízo xenealoxista que supón erradamente que tódolos individuos que levan o mesmo apelido teñen que ser parentes en grao máis ou menos remoto. Deste xeito, ter noticia dun Pérez xudeu, por exemplo, e en calquera época histórica, pode conducir a pensar que tódalas persoas así apelidadas han de selo.

Non hai dúbida de que noutras áreas peninsulares pode atribuírse, sempre en ámbitos locais, ascendencia xudía a tal ou cal familia e, xa que logo, ó apelido correspondente. Non obstante, non pode estenderse esa atribución ó mesmo apelido en localizacións xeográficas distintas. Porque, agás tal vez uns poucos patronímicos concretos derivados dun nome de orixe hebraica (Salomón, Leví e algúns outros), non se pode establecer unha relación directa entre un apelido e unha suposta orixe xudía.

Nunha ollada ós padróns dos xudeus ourensáns a finais do século XV, pouco antes da expulsión (poden verse en A vida e a fala dos devanceiros, de Ferro Couselo, ou en obras máis recentes de Anselmo López Carreira) podemos inferir que o que caracteriza onomasticamente os xudeus non son os apelidos (pois levan en xeral apelidos idénticos ós dos non xudeus: Ares, Bravo, Gómez, López, Rodríguez, Vello...) senón os nomes de pía, entre os que predominan os nomes bíblicos alleos ó santoral cristián (Abrafán, David, Isac, Judá, Jacob, Leví, Mosés, Salomón, etc...). Cómpre ter en conta, ademais, que estes nomes de pía, sendo característicos dos xudeus, non son exclusivos deles.

A nosa remitente atopa sorprendente esta lenda da orixe xudía e chama a atención sobre a aparente contradicción que encerra (dada a tradición antisemítica hispana) respecto doutras lendas galegas que pretenden ennobrecer liñaxes atribuíndolles orixes exóticas. En moitos casos estas atribucións de orixe xudía proceden doutras áreas xeográficas e arraigaron aquí polo prexuízo xenealoxista do que falamos. A isto debemos engadir que o antisemitismo nunca tivo presencia acusada entre nós (máis ben ó revés: véxase o que di López Carreira verbo dos xudeus ourensáns do XV) e que, paralelamente, en todo o mundo cristián existía tamén a tradición contraria, que asignaba ó mundo hebraico connotacións de carácter positivo. Lémbrense as antigas lendas que remontaban as liñaxes ilustres a unha ascendencia bíblica, como a que atribuía a Túbal a poboación de Hispania ou a Noé a fundación de Noia.

Tamén debemos ter en conta que os galegos estaban libres de sospeita na obsesión de pureza de sangue que caracterizou a España dos Austrias. Considérese, finalmente, que a cualificación de xudeu tamén tivo emprego popular en Galicia, sen significados étnicos ou relixiosos, como sobrenome imposto a individuos ou familias singularizados polo seu carácter marxinal, heterodoxo ou contestatario. Un personaxe de Neira Vilas chamado "o Xudío" recolle o emprego tradicional desta fórmula de alcuña.

Despois da expulsión, a finais do XV, os xudeus galegos pasaron maioritariamente a Portugal, e cando os botaron de alí o principal destino foron os Países Baixos. Aínda na actualidade existen apelidos (máis ou menos alterados na súa grafía) entre a comunidade xudía de Amsterdam, de poderosa tradición cultural, que poden corresponder a unha orixe galega. Estas circunstancias, engadidas ó feito de que o apelido toponímico Espinosa ou Espiñosa se rexistra entre os xudeus de Ourense do século XV (véxase a obra de Ferro Couselo mencionada), levou a defender, xa desde o século pasado, a orixe galega do filósofo holándés Baruch de Spinoza."

Enviado por Correo Electronico por: Pedro PArdo De Cela

1 comentário:

Anónimo disse...

Pedro Pardo de Cela..cando copies un artigo haber se pos de onde o tiraches:

http://www.xenealoxia.org/modules.php?name=Forums&file=viewtopic&t=1866


Saúdos