domingo, março 04, 2007

OS XUDEUS DE PONTEVEDRA

Pontevedra, coma case todalas poboacións galegas de certa importancia, coñeceu a presencia de xudeus durante a Idade Media. Como tamén é usual en Galicia, a documentación medieval que fai referencia a esta comunidade a penas se conservou, polo que o noso coñecimento polo tema é moi limitado. Reducese a unha cantas impresións, que non ofrecen a visión de conxunto desexábel. A toponimia pontevedresa conserva a pegada da presencia xudía da vila: O Lampán dos Xudeus, amplo espacio libre de edificacións diante do solar das vellas torres arcebispais, hoxe ocupado por unha quinta, sé dunha institución bancaria, onde se situaria o cemiterio xudeu.

As recentes escavacións arqueolóxicas nunha casa dos arredores confirmou a veracidade da toponimia. O achado de dúas lousas sepulcrais con inscricións hebraicas certifica que este foi o vello cemiterio xudeu. En Galicia só contamos cun exemplo semellante, as lápidas hebreas atopadas na coruñesa praza da Palloza, hoxe conservadas no Museo Arqueolóxico Nacional (Madrid).

O vello cemiterio xudeu pontevedrés foi víctima da intransixencia relixiosa que caracterizou o século XVII. Nunha data imprecisa foi colocado sobre as cinzas dos xudeus medievais un cruceiro, co ánimo de “limpar” o lugar. Haberá que esperar a chegada do liberalismo do século XIX para que a transixencia opte polo traslado deste cruceiro as inmediacións de Santa María, onde actualmente se conserva.

Este odio antixudaico cebase na vila, particularmente, en 1619. Para estas datas Pontevedra coñecía unha numerosa e activa colonia de orixe xudía. Eran cristiano-novos que, procedentes do norte de Portugal, en especial da bisbarra de Barcelos, instálanse na vila da década dos 60 do século XVI. Seus apelidos ainda permanecen entre nos (Dinís, Pereira, Chaves, Sarabia, Andrade, Enríquez, Méndez, Coronel...). Moitos deles dedicáronse ás negocios, outros á práctica da medicina, avogacía...O seu dinamismo e conexións coas influentes comunidades espalladas por Europa e América fixeron deste grupo un eixo fundamental na economía da vila. A súa procedencia non causou excesivos problemas ata o momento en que os máis sobranceiros membros desta comunidade accederon ós cargos de representación municipal, as rexedurías, desprazando á fidalguía local. Esta vai a mobilizar a Inquisición contra os conversos pontevedreses, moitos dos cales, alertados, poden fuxir a tempo.

A máis temible arma empregada polo Santo Oficio era o do escarnio público. Nas igrexas das que eran parroquianos os pentenciados pola Inquisición colocábanse unha especie de carteis, chamados sambenitos, nos que figuraba o nome do reo, quedando a súa familia incapacitada para exercer calquera cargo. Estas eran as famosas táboas de San Bartolomeu, desaparecidas, que tantas lendas xeraran. Hoxe podemos coñecer o seu aspecto polas atopadas nun recanto da catedral de Tui, que fai referencia a un personaxe vinculado aos conversos da Boa Vila, Andrés Duarte Coronel, que ao non ser posible capturalo, foi queimado en efixe nun auto de fe celebrado en Santiago.

Os nosos conversos porfiaron na súa loita polo ascenso social, aproveitando a transixencia de que fixo gala o conde-duque de Olivares, Ventura Dinís, chegará a ser un dos máis importantes banqueiros do rei, sendo honrado co título de marqués de Olivares, e subornará a Inquisición para que retire os infamantes sambenitos da igrexa de San Bartolomeu. O seu nome ingresará na literatura de man de Ramón Sender, que o converte nun dos personaxes da súa novela Carolus Rex.

Tamén debemos a un membro desta comunidade, Jorge de Andrade, residente no Perú, a presencia do Colexio da Compañía de Xesús en Pontevedra, dada a transixencia relixiosa demostrada polos xesuitas. Quédanos unha importante mostra de orfebrería colonial: a custodia da parroquial de San Bartolomeu, que percorre as nosas rúas no Corpus, é un donativo deste emigrado da súa vila natal.

Enviado por Correo Electronico por: Pedro PArdo De Cela

Sem comentários: