quinta-feira, março 15, 2007

QUINTANA AFIRMA EN LALÍN, NA PRESENTACIÓN DE FRANCISCO VILARIÑO, QUE O PP “DEBE BAIXAR DO MONTE E SENTAR A FALAR DOS PROBLEMAS DA XENTE”

O candidato nacionalista á alcaldía promete “un cambio baseado “na trasparencia, na participación da cidadanía e no protagonismo dos veciños”

O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, acudiu á capital do Deza a presentar ao candidato nacionalista á alcaldía, Francisco Vilariño. Realizou unha forte crítica ao Partido Popular, instándoos a “baixar do monte e sentar a falar”. Afirmou que “nestas eleccións a escolla nunca estivo tan clara: ou o nacionalismo resolutivo, que se ocupa dos problemas da xente, ou os políticos de sempre que só se ocupan dos seus propios problemas”.

Quintana enfatizou a súa critica cara esta formación política, acusándoos de ser “o partido do caos, da difamación e da mentira” e afirmou que “non se pode falar con eles sobre nada”.

As eleccións municipais do 2007 son unha excelente oportunidade para que os concellos se “sumen ao cambio galego”, abandonen “certas prácticas políticas proprias do século XIX” e pasen “a ocuparse dos problemas da xente”, segundo o líder nacionalista.

“Galiza ten agora un goberno que aposta pola cultura, pola creación de emprego, polo dereito dos cidadáns a recibir servizos sociais, por revitalizar o medio rural e pola vivenda social”, afirmou. “A Xunta actúa en todos os concellos sen mirar a súa cor política; pero o país irá mellor se temos alcaldes que sintonicen coas nosas políticas e compartan as nosas preocupacións”, dixo o vicepresidente do goberno galego, quen comprometeu todo o apoio do BNG e do executivo autonómico para Lalín.

“Cando nos concellos goberna o Bloque, o primeiro que temos en conta é que o despacho non nos pertence, senón que estamos aí para servir á cidadanía. Esa é unha das nosas diferencias co resto das forzas políticas”, concluíu Quintana.

Discurso de Francisco Vilariño

O candidato do BNG á alcaldía de Lalín comprometeuse a impulsar un cambio “baseado na trasparencia, na participación da cidadanía e no protagonismo dos veciños”.

Vilariño criticou “a falta de políticas sociais e os proxectos faraónicos -en referencia á nova casa do concello e ao multiusos- que supuxeron estes últimos catro anos do PP en Lalín”. Tamén sinalou a falta de política social e a desatención ás parroquias do rural, “onde reside a metade da poboación do concello”.

O “alcaldábel” nacionalista destacou que “grazas ao novo goberno da Xunta estamos tendo proxectos como a ampliacón do polígono Lalín 2000”. Tamén resaltou a próxima construción de vivendas de promoción pública ou a apertura da gardería pública do polígono industrial. Así mesmo, destacou que a consellaría do Medio Rural investiu na vila do Deza case 5 millóns de euros no último ano para as concentracións parcelarias, o que supera o investimento total do PP nos 16 anos de goberno de Fraga Iribarne.

Sem comentários: