sábado, março 10, 2007

RAÚL FRANCÉS

QUINTANA, NA APRESENTACIÓN DE RAÚL FRANCÉS, AFIRMA QUE “QUEDA MOITO QUE FACER NO PORRIÑO” E PIDE AOS VECIÑOS QUE A PRÓXIMA VEZ O BNG GOBERNE CUNHA “MAIORÍA SUFICIENTE”

O alcalde nacionalista destaca que “a pesar dos atrancos que sufrimos no goberno, conseguimos mellorar as cousas en canto aos dereitos das persoas e facer política para os máis desfavorecidos”

Anxo Quintana afirmou esta noite que a Raúl Francés, alcalde nacionalista do Porriño e candidato á reelección, “aínda lle queda moito que facer por esta vila”. O portavoz nacional do BNG louvou a xestión realizada por Francés durante o seu mandato. “A xente sabe que agora ten un alcalde que non pensa que o concello é da súa propiedade, senón que é propiedade dos cidadáns”, dixo.

As eleccións municipais de Maio son unha excelente oportunidade para que Raúl Francés sexa de novo “o alcalde de todos”, segundo Quintana. “E esta vez, que sexa por unha maioría suficiente para gobernar sen ataduras”, afirmou no Centro Cultural do Porriño. O portavoz nacional do BNG comprometeu “todo o apoio do goberno galego, e o meu particular”, para o concello. O acto foi presentado por Victoria Cardoso, responsábel local do BNG, e contou coa presenza da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

“Galiza ten agora un goberno que é o mellor aliado da sociedade galega. Un Goberno que ten apostado claramente pola política social e non por tanta política de cemento”, engadiu o líder nacionalista. “Obras pode facelas calquera, para iso non fan falta políticos; o difícil é ter unha idea clara de que actuacións son necesarias e un proxecto que coordine todo. Raúl si ten un proxecto para O Porriño”, afirmou.

“O nacionalismo significa máis transparencia, máis diálogo, e máis democracia, como demostrou Raúl até agora”, dixo Quintana. “Pero tamén significa un urbanismo pensado para os cidadáns e non para os especuladores. Exemplos dun urbanismo pensado para os especuladores hai moitos en concellos que están perto de aquí, pero o BNG nunca cairá niso”, concluíu.

Discurso de Raúl Francés

Raúl Francés, candidato do BNG e actual alcalde, amosou no seu discurso a súa confianza en repetir na alcaldía na próxima lexislatura, para o que espera obter o apoio maioritario dos veciños e veciñas do Porriño. Con eses alicerces agarda darlle continuidade á liña de actuación emprendida nestes catro anos e caracterizada pola “ilusión, a seriedade, a prudencia e a capacidade de diálogo”.

Francés analizou no seu discurso a situación na que se atopaba o Concello e como cambiou coa chegada do BNG á alcaldía. “Cando entramos sabiamos no que nos metiamos. Gobernamos en minoría, sen orzamentos, sufrindo políticas de boicot, e a pesar diso conseguimos que O Porriño mudase moito nestes catro anos en canto á libertade, os dereitos das persoas, a democracia e a xustiza”.

O alcalde e candidato do BNG defendeu a necesidade de facer políticas de igualdade social e apostar pola defensa dos máis desfavorecidos. Neste sentido destacou o traballo nos campos que máis preocupan ás veciñas e veciños: as carencias nos servizos básicos que arrastran dende hai décadas as parroquias, coa extensión do saneamento ao rural; facilitar o acceso á vivenda, onde se deu un gran paso coa sinatura do convenio coa Xunta que fará posible construír 100 vivendas de protección autonómica; e o emprego, coas primeiras políticas serias neste campo desenvolvidas polo BNG no goberno en busca da igualdade social e o apoio aos sectores máis débiles da poboación.

Tamén agradeceu a Anxo Quintana a aposta que está facendo en Galiza pola mellora dos servizos sociais e de igualdade, que no Porriño se concretan na “próxima construción dunha Galescola e dun centro de día para persoas maiores e dependentes”.

Francés explicou que O Porriño non debe perder de vista a importancia da industria na economía local e que o seu goberno seguirá ofrecendo “prudencia, negociación e obxectivos claros para defender as industrias do Porriño e facelas compatibles con calidade de vida e amplos servizos para o vecindario”. En referencia ao problema da situación en zona urbana dunha das maiores industrias do municipio, resaltou que “tivo que vir o BNG, no goberno galego, para que haxa un compromiso coas consellerías de Vivenda e Industria para que o traslado de Frigolouro sexa posible. Hai unha semana entraba nas dependencias do Concello o plan parcial do PPI-1 onde esta empresa conta con terreos para facer o seu traslado a un novo polígono industrial”.

Sem comentários: