quinta-feira, março 01, 2007

RODRÍGUEZ MANIFESTA NO CONGRESO O TOTAL ACORDO DO BNG COA DECISIÓN DE RUBALCABA DE CONCEDER A PRISIÓN ATENUADA NO SEU DOMICILIO A DE JUANA CHAOS

“Un Goberno e o seu Ministro responsábel teñen que evitar a responsabilidade moral e política de que unha persoa morra por causa dunha atitude oficial intransixente”, afirma o deputado do BNG.

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez, manifestou este mediodía “o noso total acordo” coa decisión tomada polo Ministro de Interior de concederlle a prisión atenuada no seu domicilio, con vixianza policial, ao preso De Juana Chaos.

Rodríguez explicou nos corredores da Cámara Baixa que deste xeito “se evita a súa morte aplicando principios e normativas plenamente legais. Un Goberno e o seu Ministro responsábel, teñen que evitar cargar a responsabilidade moral e política de que unha persoa morra por causa dunha atitude oficial intransixente”.

O parlamentar nacionalista afirmou que a situación de De Juana en réxime de prisión atenuada no seu domicilio para poder receber os coidados paliativos baixo vixianza policial, “entra dentro do que é posíbel para cumprir o que lle resta de pena que lle foi aplicada polo Tribunal Supremo”.

Rematou dicindo que “a posición do Goberno é un contributo ao respeito polos dereitos humanos e á propia vida sen deixarse arrastrar pola lei do talíon”.

Sem comentários: