sexta-feira, março 02, 2007

Rosario Fernández Vello, nova secretaria de Acción Feminista do BNG:'Queremos implicar os concellos na loita pola igualdade das mulleres'

O Bloque celebra un acto o día 7 ás once da mañá na Sede Nacional no que fará pública a súa declaración sobre o 8 de marzo

Rosario Fernández Vello é a nova Secretaria de Acción Feminista da Executiva do Bloque Nacionalista Galego. Asegura que inicia o seu labor con “moita ilusión”, pero tamén insiste en que quer, sobre todo, continuar o labor que foi iniciado por outras. Nesta entrevista desvela algúns detalles dos preparativos da celebración da data do 8 de marzo desde o BNG.


En que se centra a campaña do Bloque este ano encol do 8 de marzo?

Este ano todos os actos céntranse en dúas ideas:

A primeira é recuperar a memoria histórica das mulleres e implicar os concellos directamente neste labor. Cómpre lembrarlles que teñen responsabilidade no coñecemento de todos do papel das mulleres na historia. Queremos paliar a invisibilidade que sempre tiveron as mulleres e por iso presentamos unha moción en todos os concellos na que recomendamos accións concretas como promocionar a presenza de nomes de mulleres en espazos públicos como rúas ou centros.

A segunda idea é traballar nas corporacións municipais. Queremos corresponsabilizalas na igualdade e para iso levamos propostas aos gobernos locais para que se impliquen na loita contra a violencia de xénero. Queremos que traballen cos centros de ensino e de saúde para que poñan en marcha medidas educativas e relacionadas coa sanidade que incidan na prevención da violencia. Trátase tamén de que todos os concellos fagan visíbel a presenza das mulleres, que esixan unha representación paritaria nos seus organismos e que reclamen aos medios de comunicación municipais unha actitude de respeito e tratamento positivo da imaxe da muller e dos feitos relacionados coa violencia de xénero, asi como a implicación de mulleres neste labor.

Xustamente, o papel dos concellos é moi significativo, agora que se achegan as municipais. As mulleres seguen a ser minoría na política local.

Desde logo é importante que as mulleres entren de cheo no eido da política local. Debe haber cada vez máis concelleiras porque serán elas as primeiras preocupadas en levar adiante políticas de igualdade no día a día dos concellos.

É necesario tamén insistir en que os concellos elaboren planos de igualdade e lles asignen partidas nos orzamentos para levalos á práctica a través das concellarías da muller.

En que actos se escenificará a celebración nacionalista do 8 de marzo?

En primeiro termo haberá un acto o día 7 na sede nacional, ás once da mañá na que se fará pública a declaración do BNG a respeito do 8 de marzo e contaremos con representación das distintas institucións, (goberno, concellos, etc) e responsábeis da muller de distintas comarcas.

Xa o día 8 o BNG participará nos actos institucionais organizados desde a Vicepresidencia e estaremos tamén presentes nas distintas concentracións e actos que organiza a Marcha Mundial das Mulleres. Será en Ferrol, ás oito da tarde, no Cantón, en Pontevedra ás 20.30 na praza 8 de marzo, en Vigo ás 20.30 na praza de Portugal, na Coruña, concentración no Obelisco ás 20.30 horas, en Cee, na praza 8 de marzo ás oito da tarde, en Compostela, ás oito da tarde e en Carballo, con actos ao longo da semana.

Cal son a imaxe e o lema escollidos polo BNG para esta celebración?

Queriamos implicar a unha muller artista galega, parecíanos importante que traballase nisto. Asi, a pintora de Lugo Sabela Arias fixo varios traballos que son os que se utilizaron para o cartaz.

Por outra banda está o lema “sumando todas sumamos máis”, nesa idea de xuntar o traballo feito ao longo da historia polas mulleres e as do presente no seu día a día para acadar moito máis.

Acabas de iniciar a túa andaina como Secretaria de Acción Feminista do BNG, que obxectivos te marcas e como queres guiar o teu labor?

Ante todo, pretendo continuar o traballo xa iniciado por moitas outras mulleres e para iso conto con todas. É un labor de conxunto que hai que levar adiante con diálogo e contraste de ideas e opinións.

Creo que o meu labor é ser portavoz das ideas e das inquedanzas das que levan traballando moito tempo e das que acaban de chegar para conseguir igualdade dentro da organización. Véxome como unha interlocutora entre as mulleres e a organización e as mulleres do BNG e a sociedade, porque elas son as mellores fontes de novas ideas.

Por outra banda, ao chegar a un labor novo, sempre hai que innovar e para iso teño toda a adicación e ilusión.

Outro dos aspeitos nos que quero incidir é o contacto coas comarcas. Tentarei tecer unha rede con todas as responsábeis das mulleres para coordenar mellor o traballo entre todas. Teño constatado que en cada comarca as realidades son distintas e as súas aportacións serán tamén distintas.

Que visión tes da actual situación da muller galega?

Desde logo, estase a avanzar. Precisamente abríuse unha porta desde a nosa chegada ao goberno no que temos responsabilidades de igualdade. A sociedade está avanzando na visión destes conceitos, pero aínda hai moitos aspeitos nos que hai que incidir, o primeiro deles, a violencia de xénero.

O novo goberno fixo toda unha serie de propostas e tomou medidas moi concretas. As galescolas ou o plan de corresponsabilidade son actuacións que van mellorar no día a día a vida das mulleres. Pero queda moito traballo por facer, sobre todo un labor de pedagoxía.

Creo que estamos nun bo momento, pero, agora mesmo, o que máis me preocupa é a violencia de xénero e a súa excesiva presenza na nosa sociedade. Hai que buscar medidas a longo prazo que vaian cambiando os valores das novas xeracións para que estas conductas non se repitan, e nese sentido o BNG está acertando nas medidas que leva adiante no goberno. O problema é que o machismo está moi asentado dende hai séculos e, aínda que imos no bo camiño, é difícil darlle a volta a esta situación.

Sem comentários: